Rías Baixas exporta menos cantidade de viño pero a un prezo máis caro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas pechou a campaña de exportacións 2013-2014 vendendo menos cantidade de viño pero a un prezo máis caro.
O valor medio de litro de viño español exportado é de 3,24 euros mentres que o Rías Baixas se vende a 5,31 euros de media.
A campaña, que comprende do 1 de setembro de 2013 ao 31 de agosto de 2014, exportou algo máis de 5 millóns de litros de viño vendido a un total de 59 países dos cinco continentes. Isto supón unha lixeira caida, dun 0,3% respecto ao volume da campaña anterior. Pola contra alcanzouse un pequeno repunte do 2,95% no valor das súas vendas no exterior.
Segundo o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araújo, estas cifras mostran a consolidación das exportacións de viño da D.O. Rías Baixas.
O incremento rexistrado nas exportacións a países como Alemaña (15,05%), Irlanda (40,43%), Reino Unido (20,45%), México (16%), Holanda (40,43%) ou Xapón (3%) demostra que a promoción realizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas nestes mercados está a dar os seus froitos.
Estados Unidos mantense como importador principal dos viños da D.O. Rías Baixas, alcanzando un volume de 2.089.039,05 litros na campaña 2013-14. Xusto despois encóntranse Reino Unido, con 794.650 litros; Alemaña, con 392.379 litros; Holanda, con 234.367 litros; Puerto Rico, con 210.988 litros; e México, con 182.592 litros.
Irlanda consolídase como o sétimo mercado principal para estes viños atlánticos, que rexistraron un crecemento dun 40,43% con respecto á campaña anterior. Finalmente, sorprenden Australia, que rexistrou un incremento no número de exportacións nun 93,20%, e Noruega, cun crecemento dun 31,32%.
As vendas no exterior están a ser moi importantes para a D.O. Rías Baixas, sobre todo nun momento no que o consumo de viño en España cae en picado. A iso hai que sumar a boa imaxe que teñen os viños de Rías Baixas tanto a nivel nacional como internacional.
Gil de Araújo destacou a proxección da Denominación Rías Baixas como un dos mellores viños brancos do mundo, nun momento no que só os produtos de máxima calidade son os que se consolidan nos mercados internacionais.
Nestes momentos son 92 as adegas que teñen plans de exportación (o 51,7% das inscritas na Denominación de Orixe)
ACREDITACIÿN DE ENAC
O Consello Regulador da Denominación de Orixe de Rías Baixas acaba de recibir a acreditación da Entidade Nacional de Certificación (ENAC), o que o converte no primeiro consello de viños galegos acreditado e nun dos primeiros de España.
A acreditación de ENAC é un requisito imprescindible imposto pola Comisión Europea. A través dela pódese "obter un grao suficiente de confianza" de cara aos consumidores.
Relacionadas:
-
As exportacións supoñen xa o 28% das vendas dos viños Rías Baixas
Por Redacción |
-
16 'Masters of wine' gaban as calidades dos viños da D.O. Rías Baixas
Por Redacción |
-
Primeiras figuras do viño visitan Sanxenxo para coñecer as potencialidades da zona
Por Redacción |
-
Os viños escumosos de Rías Baixas contarán con marca e nome comercial propio no Nadal
Por Redacción |
-
Tres prescriptores canadenses enxalzan os viños de Rías Baixas
Por Redacción |
-
A Denominación de Orixe Rías Baixas acada as súas estimacións nesta vendima
Por Redacción |
-
Un prestixioso crítico cata cen viños de Rías Baixas nunha mañá
Por Redacción |