Os recortes nas nóminas do Sergas fan que Pontevedra perda 5 millóns de euros ao ano
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Federación de Sanidade do sindicato Comisións Obreiras convoca unha concentración para o próximo mércores día 3, ás 11.30 horas, ante as portas principais dos Hospitais Montecelo e Provincial baixo o lema: "contra a privatización de servizos na sanidade pública".
Nunha rolda de prensa celebrada este luns o responsable desta federación, Rafael Vázquez, explicou que para poder privatizar, primeiro a administración está a diminuír os equipos "deteriorando a boa imaxe da sanidade pública e deixándoa deficitaria e ineficiente".
"Non podemos crer que todo isto responda a un criterio de aforro económico", dixo Rafa Vázquez que entende que "detrás de todo isto tamén hai unha auténtica provocación do Partido Popular cara á cidade de Pontevedra".
Segundo este voceiro o centro neurálxico da área sanitaria de Pontevedra é tamén un centro económico, con repercusións directas sobre o municipio. Neste sentido, sinalou que só en salarios a capital está a perder preto de cinco millóns de euros en nóminas anuais.
"Detrás de todo isto tamén hai unha auténtica provocación do Partido Popular cara á cidade de Pontevedra"
Comisións Obreiras xa ten denunciado o pacto de contratacións, "porque afecta ás condicións de traballo de todos", á súa profesionalidade e bo facer, porque están a destruír a nosa dignidade como traballadores públicos.
Ademais entenden que este tipo de políticas "está a afectar á nosa saúde e ás nosas vidas".
Dende Comisións Obreiras posiciónanse contra a taxa de reposición, a autocontratación, as compatibilidades fraudulentas e a fraude nas listas de espera.
Este sindicato reclama un Plan de Emprego público para a sanidade que inclúa a renegociación do pacto de contratacións, a substitución da totalidade das ausencias, a mobilidade indiscriminada, e a devolución dos Lds. roubados".
Na rolda de prensa informouse das tres sentenzas ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nas que se estipula que os días de libre disposición no Sergas deben computarse como xornada traballada. Comisións Obreiras reclamou que, con carácter retroactivo, se desconten estes días das xornadas anuais dos últimos cinco anos, en total 42.