Jacobo Moreira, aposta firme do PPdeG para liderar o partido en Pontevedra e loitar pola alcaldía en 2015
Por Alejandro Espiño
Aos poucos vanse despexando as incógnitas que rodean ao PP local de Pontevedra. O que comezou como un segredo a voces, xa ninguén o discute. Jacobo Moreira, o actual voceiro municipal, é a aposta firme do PPdeG para liderar o partido en Pontevedra. Conta coa confianza, entre outros, de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, e salvo sorpresa maiúscula, pelexará por recuperar a alcaldía para os populares en 2015.
Proba desta confianza é que Jacobo Moreira será unha das nove persoas, sete delas concelleiras do PP, que participarán na redacción dos relatorios do próximo congreso do PPdeG. E non unha calquera, senón a denominada Estatutos e regulamento dun partido que cambia contigo, coa que os populares pretenden actualizar a súa normativa interna e modernizar o partido.
O primeiro paso para outorgar a Jacobo Moreira o control do partido en Pontevedra será colocalo na presidencia local do PP, un cargo que aínda conserva Telmo Martín. A substitución á fronte dos populares pontevedreses producirase a próxima primavera. O calendario interno impide que sexa antes. A principios de xaneiro, o PPdeG celebrará o seu congreso rexional e, posteriormente, terá que convocarse o provincial. Só entón será a quenda do conclave local.
Iso si, desde o propio partido insisten en que intentarán apurar os prazos para que Moreira asuma a presidencia do partido en Pontevedra "canto antes". O propio interesado recoñece que "xa falei con Telmo en varias ocasións" e confirma abertamente que asumirá "encantado" as súas novas responsabilidades. Aínda que el esquiva a pregunta, os máis achegados ao voceiro municipal afirman que, aínda que non pretende vetar a ninguén, "é lóxico que queira formar o seu equipo". Unha afirmación probablemente dirixida con certa intención trala rebelión dentro do grupo municipal.
Ata agora, os populares non terminaban de velo factible, pero a irrupción de Alternativa Galega de Esquerdas failles albergar máis esperanzas
E a seguinte data marcada en vermello remóntase xa ao 2015. Ninguén dúbida, polo menos de momento, que Jacobo Moreira será a aposta do PP para intentar arrebatarlle a Lores e ao BNG unha alcaldía que se lles resiste desde os tempos de Juan Luís Pedrosa, alá por finais dos noventa. Ata agora, os populares non terminaban de velo factible, pero a irrupción de Alternativa Galega de Esquerdas failles albergar máis esperanzas. "Non é o mesmo repartirse os votos de esquerda entre dous que entre tres, mira o que pasou nas autonómicas", recoñecen desde o partido.
Ata entón, Jacobo Moreira seguirá liderando o grupo municipal do PP. Aínda que se rumoreou que poderían reservarlle responsabilidades de maior alcance (chegou a soar ata como delegado da Xunta en Pontevedra), non se moverá de Pontevedra. Polo momento, nin sequera ao Parlamento, onde concluíu a pasada lexislatura. Os resultados electorais do 21-O afástano, polo momento, do Pazo de O Hórreo, ao que podería volver se algúns compañeiros que lle precedían na candidatura renuncian ao seu asento.