Propoñen unha rehabilitación integral na zona do río Lérez entre a Ponte dos Tirantes e a do Burgo
Por Alejandro Espiño
Espazo Ecosocialista, partido político membro da coalición Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), considera que a zona máis próxima ao río Lérez, que coincide co tramo entre a ponte dos Tirantes e a ponte do Burgo necesita un Plan de Intervención Integral de rehabilitación ante o problema creado polo "abandono urbanístico" que provocan, segundo din "as promesas feitas durante anos e aínda non cumpridas".
Para o grupo local desta formación, trataríase de desenvolver unha proposta integral que dera resposta á situación de abandono, ademais de ser un proxecto que achegaría cara a periferia da cidade "o modelo de recuperación de espazos para as persoas" e que actuaría "como dinamizador dunha zona degradada pola falta de actuación do goberno municipal".
En concreto, esta rehabilitación proposta por Espazo Ecosocialista incluiría unha zona verde na actual praza de Valentín García Escudero, incorporando á mesma o solar do Teucro, no que hai intereses para construír un crematorio, por medio dun proceso de expropiación e recalificación do terreo e "mantendo musealizada unha pequena mostra dos restos arqueolóxico de maior valor".
Na outra banda do río, apostan por un espazo a medio camiño entre a zona verde e un aparcamento disuasorio que abarcaría todos os solares onde no seu día asentouse o mercado provisorio e a antiga fábrica de cerámica, "incorporando a ese grande espazo os inmobles aínda existentes e a gasolineira do Burgo, que debería saír da actual ubicación". Un espazo unido co mercado de abastos cunha pasarela peonil "coma no seu día propuxeron os comerciantes da zona do mercado".
Segundo Xoán Hermida, voceiro desta formación, esta ambiciosa actuación completaríase coa transformación en zona verde e paseo peonil da rúa Rafael Areses, onde actualmente se celebra o mercadiño ambulante. "Este tramo é perfectamente prescindible en termos de circulación rodada e a súa eliminación permitiría incrementar a zona de esparcemento próxima ao río", explica.
Para Espazo Ecosocialista la recuperación deste espazo, ao igual que a posibilidade de recuperar o proxecto que no seu día defendera o exreitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, de peonalizar parte do campus universitario, permitiría mellorar a zona da Xunqueira, "creando unha zona que invite a pasear non en zonas de máximo consumo senón en areas de esparcemento e de reencontro cos elementos naturais da cidade".