O foco do magosto ponse na praza da Verdura
Por Mónica Patxot
Colas que ocupaban media praza, olor a castañas dende todas as rúas adxacentes e ambiente festivo. Foron os pratos principais da tarde deste venres na praza da Verdura, unha celebración que correu a cargo dos comerciantes e hoteleiros da zona co obxectivo de poñer o foco da vida social e cultural de Pontevedra neste ámbito do casco histórico.
Os comerciantes desta praza e da rúa San Sebastián organizaron un magosto e unha foliada a partir das 18.00 horas e a pesar de que a primeira hora o ambiente tardou en animarse, a partir das 18.30 horas a praza encheuse de máis vida da habitual nunha tarde de inverno.
O principal reclamo foron os 60 quilos de castañas que preparou un castañeiro e se entregaron gratis en conos individuais a todos os asistentes, pero a festa tivo moitos máis ingredientes. Un photocall do outono no que nenos e maiores puideron retratarse con cabazas ou follas secas, xogos populares, chocolate con rosca artesá e animación a cargo da asociación cultural Trepia animaron a tarde.
A iniciativa promovérona Os Maristas, O Baúl, Os Carballos, Pintxo Viño, a froitaría Rosales, Merchi fotografía, Hotel Rúas, Boutique Fusión, Feira Vella, Calzados Isidoro, El baúl de Elsa, A Tenda da Gata, Nuevo Alejos, Furancho de Bora, Cueva de Javi e Vinos 69, pero contou coa colaboración do Concello e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
A actividade, coa que os empresarios queren recuperar a tradición de feiras que tiña ata non hai moito tempo a praza, completouse con ofertas especiais en todos os negocios de hostalaría tanto en bebidas coma nalgún produto especial.