Ponte Caldelas prevé que a EDAR de Taboadelo estará funcionando a principios de 2015
Por Redacción
As obras de construción da EDAR de Taboadelo estarán finalizadas antes de que remate o ano e o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, prevé que os veciños poidan conectarse á rede de sumidoiros no primeiro trimestre de 2015.
A dotación deste servizo á parroquia de Taboadelo supoñerá un investimento total, nas súas varias etapas, duns 310.000 euros financiados en distintos plans de actuación, segundo informa o Concello de Ponte Caldelas.
O primeiro proxecto, o colector en Taboadelo, foi adxudicado pola Deputación Provincial de Pontevedra por un importe de 90.145 euros e correspóndese coa construción do colector principal que une este núcleo rural coa parcela na que se sitúa a EDAR. Entraña a dificultade de ter que instalar unha canalización para conservar o regadío existente.
O colector para augas fecais instalado ten un diámetro de 315 milímetros e unha lonxitude de 250 metros lineais. Acometeuse tamén o ensanche dese camiño para permitir o acceso á parcela da depuradora.
O segundo proxecto, adxudicado tamén por parte da Deputación, foi a propia EDAR, cun presuposto de 72.693 euros, e que unha vez entre en funcionamento permitirá poñer en servizo a rede de sumidoiros para os veciños deste núcleo de poboación.