Denuncian ante o Ministerio de Trabajo o sorteo dun emprego en Ponte Caldelas
Por Alejandro Espiño
A iniciativa dunha asociación de comerciantes de Ponte Caldelas de sortear un posto de traballo entre aquelas persoas que fagan as súas compras no municipio, segue xerando numerosas críticas pola súa "frivolidade". Por iso é polo que o partido político Piratas de Galicia denunciou a súa celebración ante diversas autoridades públicas, entre elas o Ministerio de Trabajo, para que ordenen a retirada deste concurso.
Nun comunicado, Piratas de Galicia asegura de que manterse este sorteo "ábrense posibilidades impensables ata agora no que a dereito laboral refírese, ás contratacións e ao proceso de selección". Piden ademais ao Ministerio que se regule este tipo de prácticas de mercadotecnia que van máis aló e confunden un dereito fundamental con actividade puramente mercantil".
En concreto, a asociación de comerciantes de Ponte Caldelas organizou unha campaña promocional de Nadal titulado Te Regalamos un Futuro, pola cal sortean unha contratación de traballo por seis meses como auxiliar administrativo.
"Ademais de que o premio non é realmente un premio xa que o agraciado ten que traballar para os comercios asociados, a mensaxe de fondo 'tes sorte de ter un traballo' é inapropiado se se atende aos principios do traballo relacionados coa dignidade humana", denuncia Piratas de Galicia.
Por iso, aínda que apunta que "pode" que o sorteo "tivese unha boa intención de primeiras", censura que se está xogando frívolamente con algo máis que unha ilusión de conseguir algo, pois o dereito ao traballo é fundamental na sociedade na que vivimos".
"Así como o Ministerio de Sanidad interveu de oficio cando en discotecas se sorteaban operacións de cirurxía estética, agora sería o Ministerio de Trabajo o que debería tomar cartas no asunto", reclama este partido político que concorreu nos pasados comicios galegos do 21 de outubro.