Retiran da praia de Bascuas o cadáver dun boi irlandés de 400 quilos
Por Redacción
ÿ habitual, cada certo tempo, que as mareas arrastren ata as praias das Rías Baixas o cadáver dalgún animal mariño, principalmente cetáceos. O que xa non é tan normal é que o que chegue á costa é o corpo dun boi de 400 quilos. ÿ o que aconteceu na praia de Bascuas (Sanxenxo). O cadáver do animal, aparentemente de procedencia irlandesa, quedou atrapado nas rochas do areal.
Operarios da Concellaría de Medio Ambiente e do Servizo Local de Emerxencias foron os encargados de retirar o animal. Para iso, o persoal municipal que interveu neste dispositivo tivo que esperar á preamar para sacar o corpo da zona na que quedou atrapado. Posteriormente, tiveron que esperar a que baixase a marea para levalo mar dentro e finalmente achegalo á beira.
O vacún portaba etiquetas identificativas en ambas as dúas orellas no que se especifica a súa procedencia irlandesa. A hipótese que se manexa é a posibilidade de que a res caese ao mar en Irlanda e fora arrastrada polas correntes ata Sanxenxo. Descártase que fora botado sen eliminar as identificacións, tendo en conta as graves sancións establecidas para este tipo de accións.
O corpo do animal foi trasladado a un xestor autorizado para o seu tratamento por parte dunha empresa contratada pola Administración local.
Ademais, informouse a Xunta de Galicia acerca desta situación, solicitándolle que realice as indagacións correspondentes no rexistro de Irlanda para determinar quen é o propietario do boi. O obxectivo desta consulta é poder tomar as medidas pertinentes ante este feito e reclamarlle o aboamento dos gastos derivados da súa retirada e tratamento.