Investigan a morte de tres pacientes do CHOP por unha bacteria: "Tenemos un problema"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) mantén aberta unha investigación para aclarar a morte de tres pacientes que faleceron no último mes cando estaban hospitalizados en Montecelo e tiñan unha infección pola bacteria pseudomona. "Tenemos un problema", recoñecen dende o centro. Está confirmado que os tres pacientes tiñan esa bacteria, pero agora tratan de aclarar se faleceron a causa desta ou non.
Os responsables sanitarios apelan á Lei de Protección de Datos para non achegar detalles acerca dos tres falecidos, pero, en todo caso, o CHOP descarta de forma tallante que esa fose a causa da morte dun cuarto enfermo falecido a pasada fin de semana no hospital.
O director de Servizos Asistenciais, o xefe de servizo de Hematoloxía e o xefe de servizo de Medicina Preventiva do CHOP, José Antonio Ortigueira, María José Allegue e Francisco Vázquez Vizoso, protagonizaron este martes unha comparecencia pública ante a alerta social xerada polo falecemento destes tres pacientes dende o mes de outubro e quixeron lanzar unha "mensaje de tranquilidad" á cidadanía asegurando que a investigación xa está en marcha, extremáronse todas as medidas de prevención e reforzáronse as de protección.
O doutor Vázquez Vizoso recoñece que "no es normal" que se producisen tres mortes no mesmo centro nun período de tempo tan breve e que nunca antes sucedera nada similar no CHOP, de modo que "es evidente que tenemos un problema" e que "negarlo sería un error", pero, dentro da gravidade da situación, pide tranquilidade porque "desde el principio se están haciendo las cosas bien".
Os tres pacientes tiñan "una inmunodepresión profunda y una enfermedad reflectaria al tratamiento"
A situación real no CHOP é que "hay una emergencia por una bacteria multirresistente". A pseudomona detéctase en pacientes de todos os hospitais de España e de mundo, pero o "novedoso" no centro pontevedrés é a aparición de pseudomonas con "un patrón de resistencias" moi elevado, isto é, a bacteria "es muy resistente a todo". Ademais, coincide que os tres pacientes que faleceron dende outubro tiñan "una inmunodepresión profunda y una enfermedad reflectaria al tratamiento".
A doutora María José Allegue indicou que os tres falecidos eran enfermos que tiñan unha enfermidade moi grave que estaban ingresados en Hematoloxía e, polo tanto, tiñan unha inmunodepresión "mucho mayor". Tiveran xa unha terceira ou cuarta recaída e unha enfermidade "reflactaria al tratamiento". A súa situación clínica era, segundo o doutor Ortigueira, "tremendamente compleja" e non teñen constancia de ningunha familia que denunciase ao hospital polos falecementos.
Os responsables do CHOP aseguran que se están a aplicar todas as medidas de prevención nos distintos procesos. Entre as medidas preventivas adoptadas, realízanse controis semanais a todos os pacientes para detectar se teñen esta bacteria. Ademais, realízase unha investigación "muy compleja" que inclúe os servizos de Hematoloxía, Microbioloxía e Epidemioloxía e o plan de investigación foise actualizando nas últimas semanas.
"Parece que va a ser muy difícil que localicemos el foco"
Ademais, dende que se detectou o primeiro caso, e de forma especial no último mes, se extremaron todas as precaucións e cada vez que a un paciente se lle identifica unha pseudomona queda aislada "para reducir la posibilidad de que se pueda expandir". Un dato que non transcendeu (os responsables médicos apelan á Lei de Protección de Datos) é cantos pacientes estiveron en illamento por ter a presenza desta bacteria ou por risco a que se infecten con esta polo seu delicado estado de saúde.
Dende o CHOP farase un informe definitivo sobre a investigación e espera que non tarde moito, pero non achegan ningún dato concreto sobre prazos de finalización deste. O doutor Vázquez Vizoso xa avanza que "parece que va a ser muy difícil que localicemos el foco". A pseudomona vive no aparato dixestivo e en ambientes húmidos e, segundo avanzou o equipo médico, causou unha alerta global na Organización Mundial da Saúde.
Relacionadas:
-
O CHOP recoñece que en outono houbo un "brote" de pseudomona, pero asegura que "está cerrado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Fiscalía amplía a investigación polo brote de pseudomona no CHOP
Por Redacción |
-
O Defensor do Paciente abre a terceira investigación sobre as mortes de pacientes con pseudomona
Por Redacción |
-
Persoal do CHOP declara na Fiscalía na investigación sobre a pseudomona
Por Redacción |
-
O BNG pregunta pola influencia dos recortes e privatizacións nas últimas mortes en Montecelo
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía investiga de oficio as mortes en Montecelo a causa dunha bacteria
Por Redacción |
-
Persoal do CHOP fai unha chamada á tranquilidade ante a morte de tres pacientes coa mesma bacteria
Por Natalia Puga |