De cando o Príncipe Felipe era un gamberro que facía grafitis en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
"Mamá, aí di que los Reyes son los padres. ÿ verdade?", preguntaba unha nena á súa nai.
Sucedeu á porta do colexio Froebel, onde durante anos perdura esta pintada.
"Si, claro que é verdade", espetou a muller. A nena e o que escribe quedamos pasmados ante a resposta.
"Verás -continuou a nai- o fillo do rei Juan Carlos, o príncipe Felipe, estudou hai un tempo na Escola Naval de Marín e por aquela época era un gamberro que facía grafitis en Pontevedra".
Seguramente con menos imaxinación que esta muller algúns pais topáronse con esta complicada pregunta nos últimos días.
A psicóloga Esther Vázquez sinala que ata os 5 anos, os nenos non diferencian entre a fantasía e a realidade, polo que na súa mente predomina o pensamento máxico, e é por iso que creen nos personaxes de contos, da tele ou en pantasmas. "Isto é totalmente san e bo para o seu desenvolvemento".
A partir dos 7 ou 8 anos é cando empezan a pensar máis por si mesmos e poden chegar as primeiras sospeitas. Os anuncios na televisión, a xente comprando xoguetes nos centros comerciais pode facer que os fillos cheguen por si sos a esa conclusión.
A gran maioría dos pais esperan que sexan outros nenos os augafestas.
No caso de que queiran os pais romper esta ilusión, os expertos recomendan "armarse de paciencia e ter en conta que poden pasar moitas cousas".
"O mellor é facelo aos poucos para que vaian asimilando a información, xa que nese momento pode que se estean desmoronando unhas crenzas que eles tiñan moi firmes", sinala a psicóloga Esther Vázquez, "algúns nenos enfádanse por sentirse enganados durante todo este tempo".
A recomendación da experta é que "convertan ao neno en cómplice, que lle digan que xa é maior e que debía saber a verdade pero que debe gardar o segredo porque ten irmáns pequenos ou curmáns que aínda seguen crendo neles. Sentirase importante e valorado".