Dous anos de prisión por morder a orella a outro mozo nunha pelexa e deixalo sen o lóbulo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O arousano Domingo D.I. aceptou unha condena a dous anos de prisión por morder a orella esquerda a outro individuo no transcurso dunha pelexa en Vilanova de Arousa coa consecuencia de que o seu opoñente perdeu o lóbulo. A pesar de que se conformou con esta pena de prisión, non ingresará en ningún centro penitenciario porque poderá substituír a condena por unha pena de multa a razón de catro euros diarios durante eses dous anos.
O mozo sentouse este martes no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra procesado por un delito de lesións que tería cometido o 22 de setembro de 2012 no transcurso dunha pelexa con Serafín C.P. Este segundo individuo tamén estaba acusado por estes mesmos feitos, pero no seu caso como autor dunha falta de lesións e non dun delito.
O fiscal acusáballes ambos os dous porque os dous participaron activamente na mesma pelexa e resultaron condenados coa súa conformidade. Segundo o relato dos feitos que eles mesmos aceptaron, o enfrontamento empezou no lugar do Cruceiro, na parroquia de András de Vilanova de Arousa.
No transcurso desa pelexa ambos os dous quixeron danar a integridade física do contrario. Serafín C.P. agrediu a Domingo D.I. e golpeouno na cara en reiteradas ocasións, de tal forma que tivo que ser atendido con lesións, erosións e contusións que tardaron en curar cinco días.
Pola súa banda, Domingo D.I. respondeu mordendo na orella ao seu opoñente, de tal forma que sufriu a perda do lóbulo auricular esquerdo e tivo que ser intervido cirurxicamente no Hospital do Salnés e tardou 15 días en curarse. Como secuelas quedoulle a perda do lóbulo.
Ambos os dous acusados chegaron a un acordo de conformidade co fiscal que reduce substancialmente a pena á que se enfrontaban inicialmente. Para Domingo D.I. solicitábanse catro anos e seis meses de prisión e foi condenado coa súa conformidade a dous anos (substituíbles por unha multa) ao aplicárselle as circunstancias atenuantes de confesión e reparación do dano. No caso de Serafín C.P., o fiscal pedíalle unha multa de dous meses a razón de seis euros diarios e impúxoselle unha multa dun mes a razón de dous euros ao día.