Un traballador da Escola de Forestais reúne pezas de madeira para crear unha xiloteca
Por Redacción
Luis Torres, un traballador de persoal administrativo do campus de Pontevedra, está poñendo en marcha unha colección de madeiras do mundo a través da colaboración de diferentes empresas coa intención de crear unha xiloteca para o próximo curso na Escola de Enxeñaría Forestal.
Polo momento xa reuniu 170 pezas de madeira de máis de medio centenar de especies diferentes. Torres indica que se encontran no inicio deste proceso e afirma, nunha entrevista concedida ao DUVI, que durante os últimos días está a solicitar a colaboración co proxecto de serradoiros ou de fábricas de mobles coa idea de que poidan achegar excedentes e recortes que non serán utilizados comercialmente pero que poden resultar útiles para a colección.
Varias fábricas de mobles da zona da Estrada permitiron que Luis Torres conte con mostras de carballo, castiñeiro ou piñeiro, pero tamén de madeiras tropicais como wengué, sapelly ou terigota.
Segundo o director da Escola de Forestales, Enrique Valero, non existe outra iniciativa deste tipo en Galicia e aposta por este proxecto para habilitar un espazo no centro que se encontre aberto ás visitas e que sirva como un medio para a difusión da riqueza forestal de Galicia, ademais de converterse nun espazo de formación para os alumnos de centros escolares que se acheguen pola Escola.
Á compilación das táboas tamén está previsto achegarlle outra serie de pezas de madeira, como cortes transversais de madeiros das árbores e unidades didácticas que acheguen información sobre cada elemento.