Comenzan as obras de reforma e mellora da mobilidade da Avenida de Compostela
Por Redacción
A chuvia dos últimos días deu unha tregua este luns e esta circunstancia permitiu que puideran comezar os primeiros traballos para a reforma integral da avenida de Compostela, concretamente no treito que vai desde a avenida de Bos Aires ata a rotonda de Pasarón.
As obras iniciáronse polo cruzamento da rúa Rafael Areses co final da Ponte de Santiago, onde está previsto a demolición de diversos elementos arquitectónicos, a ampliación da beirarrúa e posterior construción do paso de peóns elevado.
A obra tamén implica un cambio na distribución dos espazos: máis para peóns e bicis, e menos para o tráfico rodado, mellorando a mobilidade peonil e ciclista nos eixos cidade-campus e Ponte do Burgo-Ponte dos Tirantes. Ademais mellorarase a seguranza viaria e a accesibilidade, e calmarase o tráfico.
O proxecto integral realizarase por fases, tendo prioridade o eixo Ponte do Burgo-Ponte dos Tirantes na súa marxe dereita, eliminando as barreiras arquitectónicas e dándolle continuidade á mobilidade peonil e ciclista entre os Tirantes e a Ponte do Burgo a través de Rafael Areses.
Para iso continuarase as beirarrúas de Rafael Areses ata a Ponte de Santiago, eliminando os diferentes parterres e barreiras arquitectónicas da zona, para construír un paso de peóns elevado de importantes dimensións que supoña un elemento disuasorio para a velocidade.
Tamén está previsto facer un carril bici dende os Tirantes ata o Burgo para conectar a Illa das Esculturas coa sendo do Lérez ata Bora. Para isto suprimirase o estacionamento do lado do río, reducirase de dous a un carril, e farase un carril bici de tres metros, pintado sobre o asfalto.
O orzamento desta primeira fase é de máis de 158.000 euros.
Relacionadas:
-
Comeza a instalación doutros dous novos pasos elevados na avenida de Compostela
Por Redacción |
-
Peche dun carril na Ponte de Santiago e reapertura do tráfico na avenida de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Sete pasos de peóns elevados cambiarán a fisonomía da Avenida de Compostela
Por Redacción |
-
Ediserpo acometerá as obras de accesibilidade na Avenida de Compostela
Por Oskar Viéitez |