Atopan varias verteduras incontroladas en montes de Sanxenxo
Por Redacción
A concellaría de Medio Ambiente de Sanxenxo detectou varios focos de restos entre os que se encontran contaminantes como uralitas de fibrocemento. Unha das verteduras foi localizada pola Policía Local nun monte de Barreiros, na parroquia de Dorrón, onde abandonaron diversos obxectos dunha vivenda, entre os que se encontraban colchóns e un sofá.
Encontráronse restos contaminantes no Parque Empresarial ao localizar un conxunto de uralitas de fibrocemento que foron abandonadas no SU 15. "Isto resulta gravísimo pois o material leva amianto e desbotar estes residuos con total despreocupación é dun incivismo que non podemos consentir", indicou o concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez.
Dende a concellaría sinalan que aplicarán escrupulosamente a normativa existente a este respecto e impoñerá as sancións recollidas no regulamento municipal de protección do medio, limpeza pública e recollida de lixo que estipula sancións que van dende os 90,16 euros ata os 601,01 euros. Por este motivo, Rodríguez reclama a colaboración dos veciños para localizar os causantes destas verteduras.
O Concello de Sanxenxo dispón dun servizo de recollida de voluminosos porta a porta sen custo ningún para os usuarios, os que tan só deben realizar unha chamada ao 638 240 885 para concretar o día e hora de retirada.
O municipio conta cun Punto Limpo, situado nunha parcela de 11.000 metros cadrados nas Cereixeiras, en Padriñán, no que os interesados poden depositar os residuos de martes a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00, ademais dos sábados de 9.00 14.00 horas.