Rexeitan a rebaixa fiscal do PP, cualificada como "populista" e "pouco rigorosa" polo goberno municipal
Por Alejandro Espiño
A proposta de rebaixa fiscal, presentada hai uns días polo Partido Popular, encontrouse co rexeitamento frontal do goberno municipal. Todos os concelleiros do PSdeG-PSOE e o BNG, así como a concelleira non adscrita María Biempica, votaron en contra dela ao considerala, entre outros cualificativos, como "populista" e "pouco rigorosa". Só foi avalada polos nove edís do PP presentes no Teatro Principal.
A moción, defendida polo concelleiro César Abal, propoñía que se estudase a viabilidade de rebaixar diferentes impostos e taxas municipais para 2015, que afectaría especialmente ao imposto sobre vehículos, ao IBI rústico e urbano, ao ICIO ou ao destino da recadación das multas de tráfico que, segundo os populares, debería reinvestirse en políticas de fomento do uso de transporte público.
E todo iso porque, segundo Abal, Pontevedra "é o segundo concello con máis presión fiscal de Galicia" e dende que goberna o BNG asegura que as taxas aumentaron un 118%. Estes datos foron rebatidos polo concelleiro de Facenda, Raimundo González, citando un informe do Ayuntamiento de Madrid, onde a cidade de Pontevedra aparece entre os municipios coas taxas e impostos máis baixos do Estado español.
O edil nacionalista afirmou que algunhas destas propostas do PP son "manifestamente ilegais" e recordou que municipios gobernados por este partido, como Marín ou Ponte Caldelas, xa anunciaron que conxelarán as taxas e impostos para 2015, igual que se fará en Pontevedra. "Deberían ter vostedes unha liña coherente co seu propio partido", recomendoulles Raimundo González.
Pola súa banda, dende as filas socialistas, Agustín Fernández lamentou a gran carga "demagóxica e populista" desta proposta fiscal e criticou a falta de rigorosidade desta moción, xa que "non aparece nin un só informe non que se diga como se vai a compensar esa falta de ingresos". Un partido que aspira a gobernar, dixo, "aínda que ás súas opción sexan mínimas", debería presentar "algo máis traballado".
Ademais, Agustín Fernández recordou que en termos absolutos, onde realmente se aumentou a carga impositiva é nos conceptos que dependen da Xunta e do Goberno central, ambos os dous dependentes do PP. Esa "voracidade insaciable" por subir os impostos, sinalou, é a que "verdadeiramente" provocou que os pontevedreses paguen cada vez máis en taxas e impostos.
INUNDACIÿNS EN PAI FERNANDO OLMEDO
Tamén foi rexeitada a outra moción presentada polo PP. O edil Pablo Fernández demandou a creación dunha oficina de asesoramento e axuda aos afectados polas inundacións da rúa Pai Fernando Olmedo e criticou que, en 16 anos de goberno do BNG, non se resolvese os problemas nesta zona cada vez que chove de forma copiosa.
O goberno municipal rexeitou esta pretensión por un aspecto legal, xa que César Mosquera recordou que o PP aprobou recentemente unha lei que "expresamente" impide aos concellos crear oficinas deste tipo. En todo caso, recordou que dende o goberno municipal se actuou nunha vintena de zonas onde se producían inundacións periódicas "e xa só quedan dúas", o Gorgullón (con proxecto xa redactado) e Pai Fernando Olmedo, cuxa solución "intentaremos levar adiante por todos os medios".
Relacionadas:
-
Antón Louro critica o "electoralismo barato" do PP local
Por Redacción |
-
Crematorios, a proposta fiscal do PP e unha declaración polo 25-N, ao pleno de novembro
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira propón reducir o custe das viñetas e do IBI rústico e aumentar as bonificacións para familias numerosas
Por Redacción |