Comezan os obradoiros de micoloxía e lingua con estudantes de primaria
Por Redacción
A Concellaría de Normalización Lingüística inicia este martes unha serie de xornadas micolóxicas co fin de promover o uso da lingua galega entre os escolares de primaria. Estas actividades de "micoloxía e lingua" están organizadas polos equipos de normalización e dinamización lingüística dos catro centros escolares do norte de Pontevedra: CEIP de Campañó, CEIP de Lérez, CEIP de Xeve e EEI de Verducido; coa colaboración Concellaría de Normalización Lingüística.
As xornadas estarán guiadas e dirixidas por especialistas da asociación Brincabois. En cada un dos centros desenvolverán as seguintes actividades: charla de introdución á micoloxía; saída de campo guiada para que o alumnado recolla cogomelos no monte; sesión para identificar os cogomelos recollidos e montaxe dunha exposición no colexio cos cogomelos apañados.
Con estas actividades búscase iniciar ao alumnado no coñecemento dos cogomelos habituais na súa contorna e dinamizar o uso da lingua galega tanto na oralidade como na escrita, asociándoa a actividades lúdicas e formativas, de interese para a infancia.