Un acordo previo ao Pleno permite aprobar por unanimidade unha declaración institucional polo 25-N
Por Alejandro Espiño
Por unanimidade. Así se aprobou finalmente no Pleno a declaración institucional do Concello de Pontevedra con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebrará o próximo 25 de novembro. Un acordo previo á sesión plenaria, no que se consensuou un texto entre BNG, PSdeG-PSOE e PP, permitiu que todos os concelleiros da corporación xuntaran a súa voz contra a violencia machista.
Con esta declaración institucional, lida polo alcalde de Pontevedra, a corporación municipal considera que máis de 750 mulleres asasinadas en España desde 2003 é un dato o "suficientemente tráxico" como para remover conciencias e que se converta nun asunto de Estado. Por iso, o Concello de Pontevedra renova o seu compromiso de loita contra a violencia que, "de forma sistémica", se vén exercendo contra as mulleres en todo o mundo.
Esta "lacra inaceptable" obriga a que máis alá da condena destes asasinatos e das accións puntuais diante de cada crime, segundo esta declaración, a loita contra a violencia de xénero "teña que ser un traballo permanente e extenso". Trátase dunhas actitudes que "só se poderán arrancar na medida en que exista un compromiso inequívoco de tolerancia cero por parte de toda a sociedade".
Frear este tipo de violencia require, segundo BNG, PSdeG-PSOE e PP dunha actuación en múltiples campos (educación, xustiza, emprego, servizos sociais, sanidade ou información) "que fai indispensable unir esforzos entre todas as administracións e entre todos os axentes sociais para acadar unha resposta coordinada eficaz e interdisciplinar única forma de acabar con esta grave lacra social".
Neste sentido, os tres partidos acordaron condenar e rexeitar as actitudes machistas que "danan calquera sociedade democrática que se pretende igualitaria" e que están na base da violencia de xénero e amosaron o seu apoio, solidariedade e recoñecemento a todas as mulleres e a quén as apoia, "que dun ou doutro xeito son vítimas de discriminación e desigualdade" e, en especial, daquelas que sofren violencia física ou psíquica.
Por último, a corporación acordou solicitar a todas e cada unha das administracións públicas "e comprometernos no que ao Concello de Pontevedra lle compete", a seguir desenvolvendo políticas activas de loita contra a violencia de xénero e investindo en medidas de prevención e apoio ás vítimas.
Relacionadas:
-
Entrega de chaveiros en Marín contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
'Puta, porca, burra', a violencia machista nunca empeza por unha paliza
Por Redacción |
-
División política fronte á violencia de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
Crematorios, a proposta fiscal do PP e unha declaración polo 25-N, ao pleno de novembro
Por Alejandro Espiño |