Bueu e Poio únense a Pontevedra e compensarán aos funcionarios pola perda da paga extra
Por Redacción
Dous novos concellos, ambos con alcaldes do BNG, únense a Pontevedra e compensarán economicamente aos seus funcionarios pola perda da paga extra de Nadal ordenada polo Goberno Central. Trátase de Bueu, onde os nacionalistas gobernan con maioría absoluta, e Poio, onde o fan en coalición co PSDEG-PSOE. Aínda que ambas as iniciativas teñen lixeiras diferenzas coa da capital da provincia.
Os traballadores municipais do Concello de Poio recibirán esta "paga extra camuflada" coa nómina de xaneiro. Compensaráselles cunha cantidade que supón, aproximadamente, un 80 por cento do que sería unha paga extra completa. O goberno municipal articulará esta decisión mediante un complemento de produtividade que recibirán os funcionarios en función das horas extras traballadas.
Pero ao contrario que Pontevedra non será necesario aprobar unha modificación de crédito. Segundo explica o alcalde, Luciano Sobral, esta medida non supón incumprir a normativa do Goberno, xa que o Concello dispón dunha partida "que non tocamos" duns 140.000 euros, a cantidade que se aforrou" o goberno ao non abonar a paga extra. Será con ese remanente co que se abonen as horas extra dos funcionarios.
Pola súa banda, o complemento de produtividade tamén é a fórmula elixida polo Concello de Bueu, pero repartindo esa falsa paga extra en tres mensualidades. Segundo o concelleiro de Facenda, José García Cuervo, o 50 por cento dese complemento pagouse coas nóminas de novembro, outro 40 por cento abonarase este mes e o 10 por cento restante, ingresaráselles en xaneiro.
O goberno de Bueu admite que este pago "non é normal", pero rexeita denominalo como paga extra. "Nós pagamos unha porcentaxe dunha produtividade", explicou o edil nacionalista, quen recordou ademais que esta medida de compensación salarial xa se utilizou no municipio en anos anteriores. En todo caso, non se quere comparar con Pontevedra neste asunto e sinalou que ninguén lles advertiu contra a súa decisión.
Queda agora por ver se esta decisión adoptada polos Concellos de Bueu e Poio será tamén recorrida nos tribunais polo Goberno, como ocorrerá no caso de Pontevedra, segundo confirmou hai uns días a Delegación do Goberno en Galicia.
Relacionadas:
-
Poio e Bueu serán este mes xa rebeldes oficiais contra o Goberno ao pagar extra
Por Natalia Puga |
-
Sanxenxo paralizará o abono da paga extraordinaria
Por Oskar Viéitez |
-
Lores, alcalde de Pontevedra: "Se ocurre algo, apandaremos coas consecuencias"
Por Anxo Lourido |
-
Antonio Coello, subdelegado do Goberno: "Siempre estuvo decidido recurrir las pagas extra del Concello de Pontevedra"
Por Anxo Lourido |