División política fronte á violencia de xénero
Por Oskar Viéitez
Os grupos municipais do BNG, PP e PSOE acoden ao próximo pleno da corporación incapaces de consensuar un único texto que plasme o rexeitamento de todos a violencia de xénero.
Unha cuestión de "matices" impide aos políticos locais a aprobación conxunta dunha declaración institucional contra a violencia de xénero, con motivo do Día Internacional que se conmemora o próximo día 25 de novembro.
Nas reunións preparatorias do próximo pleno municipal cada partido levou a súa proposta de moción, sen que fose posible o acordo. E é que os tres voceiros municipais se reprochan mutuamente a "utilización política" desta cuestión.
Agora o PSOE fai un chamamento aos seus compañeiros de corporación a pactar un novo texto. Así o grupo municipal socialista rexistrou o pasado venres, na Secretaría do Pleno do Concello de Pontevedra, unha proposta dirixida aos grupos políticos do BNG e do PP para tratar de pactar unha declaración institucional unánime.
A proposta ten carácter previo ao Pleno, "polo que se renunciou a incluíla na orde do día para non contribuír a imaxe de división con tres propostas distintas sobre o mesmo asunto", explican os socialistas nun comunicado.
Trátase dun borrador feito "co ánimo de servir de punto de partida", puntualizan.
En todo caso a situación non é nova, tamén se produciu o ano pasado.
Relacionadas:
-
'Puta, porca, burra', a violencia machista nunca empeza por unha paliza
Por Redacción |
-
Un acordo previo ao Pleno permite aprobar por unanimidade unha declaración institucional polo 25-N
Por Alejandro Espiño |
-
Crematorios, a proposta fiscal do PP e unha declaración polo 25-N, ao pleno de novembro
Por Alejandro Espiño |