ÿ tempo de magosto na Escola Infantil do campus de Pontevedra
Por Redacción
O magosto chegou este venres á Escola Infantil do campus de Pontevedra. Foi grazas a unha festa coa que este centro educativo pechou varias semanas de actividades centradas no outono. E non faltou de nada. Houbo incluso un "tren das castañas" como o que os cativos poden ver neste tempo polas rúas da cidade. E nela, ademais da música, non faltaron os saborosos froitos do castiñeiro.
Xunto ás castañas asadas que prepararon no centro para a ocasión, sumáronse ao menú desta festa outra morea de castañas cocidas, que achegaron á escola os pais e nais do alumnado co obxectivo de que os pequenos "puidesen vivir unha das festas con maior tradición en Galicia, como é un magosto", segundo a directora do centro, Ángeles Rodríguez.
Fixérono ademais nunha escola na que a imaxe destes froitos estaba presente tanto nas paredes e cristais como no propio peito dos cativos, que levaban no pescozo unha especie de castaña acreditativa, posto que nela figuraba o nome e a foto do cativo. Eran tarxetas decoradas polos propios rapaces, que tamén colaboraron no pintado do tren.
Estas actividades relacionadas co outono deixarán paso a un novo ciclo que terá como eixo central o mundo da música.
Ao igual que a Escola Infantil do campus, foron moitos os colexios da cidade de Pontevedra que aproveitaron estes días para celebrar o seu tradicional magosto, no que os rapaces puideron degustar castañas e outros produtos típicos desta estación.