Un monolito de sete metros, feito en pedra e bronce, recordará os fusilados do 12 de novembro
Por Alejandro Espiño
Sete metros de altura e quince toneladas de peso. Son as dimensións do monolito que se instalará na praza José Adrio para recordar aos fusilados o 12 de novembro de 1936. ÿ obra do escultor pontevedrés Sergio Portela. Trátase dun deseño composto por dez cubos de granito nos que irán gravados os nomes de cada unha das vítimas e que contará con bandas con iluminación LED que darán unha cor azul ao monumento.
Sergio Portela explicou que o deseño partiu dun estudo do ámbito, marcado pola horizontalidade "demasiado forte" dos edificios e elementos que o rodean. Desa análise e da necesidade de tivese un elemento "singularizante" partiu a idea de imaxinar un monolito vertical elaborado con materiais "eternos" como a pedra e o bronce, aos que se suma tamén "tecnoloxía de hoxe" coa súa iluminación.
Ao pé, o monolito conta cunha figura feminina oferente cunha cunca entre as súas mans. Durante os actos que se celebren en recordo a estas vítimas da represión fascista, este recipiente acollerá un lume azul como simboloxía destes fusilamentos.
A instalación deste monolito realizarase a principios da próxima semana, sempre que o permitan as condicións meteorolóxicas. A intención do goberno municipal é poder realizar o acto cívico de homenaxe aos fusilados o venres 21 de novembro, durante o cal se inaugurará a escultura.
Na presentación deste monumento escultórico, Antón Louro destacou que "estamos diante dunha achega que enriquece o patrimonio histórico, o patrimonio cultural, o patrimonio urbanístico e o patrimonio histórico de Pontevedra". Tras agradecer o traballo do escultor engadiu que será "un recordo chantado na terra de Pontevedra dá loita pola liberdade e pola democracia".
Será un monumento cívico que, en palabras do concelleiro socialista, é tamén un monumento á vida na medida que homenaxea a "persoas tan exemplares" como Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rei, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz. "Estou orgulloso de que Pontevedra conte con este novo referente", concluíu o impulsor político deste monolito.
Relacionadas:
-
Unha ofrenda floral lembrará o xoves o 79 aniversario dos fusilamentos do 12 de novembro
Por Redacción |
-
O 'Senso Sublime' do artista polifacético Sergio Portela explora o Sexto edificio do Museo
Por Anxo Lourido |
-
O monumento en memoria dos fusilados xa ilumina a pasarela do 12 de novembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Malestar nas familias dos fusilados o 12 de novembro de 1936 pola estatua que prevé recordalos
Por Redacción |
-
Atrasan a homenaxe os fusilados en 1936 para facela coincidir coa inauguración da súa escultura
Por Redacción |