A rúa Estación, en obras a partir de xaneiro; a Avenida de Vigo agardará ata a primavera
Por Alejandro Espiño
Xaneiro. ÿ a data na que comezará a reforma da rúa Estación, unha das melloras que a UTE das empresas COVSA e EC Casas ofertou no contrato para a construción do desdobramento da avenida de Vigo. Así o avanzou o concelleiro Luis Bará, que detallou este mércores en que consistirán todas estas actuacións, sete en total, valoradas en 1.160.000 euros e que asumirán estas dúas empresas con cargo aos seus beneficios.
A actuación máis importante en investimento será a reforma da vella Avenida de Vigo. As obras nesta rúa están valoradas en 392.586 euros e permitirán actuar dende Luis Seoane ata a rotonda con Fernández Ladreda, onde haberá un tratamento especial debido á redución da densidade de tráfico. Consistirá na transformación nun vial de saída da cidade, reducindo a un único carril de circulación os dous existentes actualmente.
Ademais, ampliaranse as beirarrúas, instalarase novo mobiliario, mellorarase a iluminación e colocarase arboredo en varios puntos. O estacionamento neste tramo quedará limitado ao lado dereito da calzada. Estas obras non comezarán a executarse ata a próxima primavera, xa que antes de poder reformar a Avenida de Vigo haberá que finalizar o desdobramento.
A reforma da rúa Estación está valorada, pola súa parte, en 211.411 euros. Supoñerá, principalmente, a ampliación das beirarrúas, a mellora do pavimento actual e a construción de novos pasos de peóns, un deles diante do ximnasio Budo, un dos grandes puntos negros da cidade, segundo Bará. Eliminarase parte da bolsa de aparcadoiro que hai na zona e colocarán árbores e novos puntos de luz.
Tamén se farán obras na rúa Luis Seoane (61.060 euros), para ampliar as beirarrúas ou construír unha nova rede de saneamento; ampliarase a senda do Gafos cara ao Nó do Pino (47.707 euros), habilitando o paso pola estación de autobuses e o novo desdobramento; e arranxarase o camiño de terra que une a rúa Estación e a Avenida de Vigo (41.040 euros), que será pavimentado e contará con nova iluminación.
Por último, estas melloras inclúen a construción, a instancias do Ministerio de Fomento, dun vial para que o tráfico que procede do Marco poida acceder ao desdobramento da avenida de Vigo sen ter que entrar no Nó do Pino (31.443 euros); e a modificación dos pasos de peóns no propio desdobramento, que serán elevados (4.513 euros).
As melloras, susceptibles aínda de pequenas modificacións, serán analizadas na próxima Comisión de Infraestruturas do Concello de Pontevedra e nunha reunión cos veciños da zona, que se celebrará a próxima semana.
A finalización de todos estes traballos está previsto para "setembro ou outubro" de 2015.
Relacionadas:
-
O desdobramento da Avenida de Vigo avanza a bo ritmo coa vista posta na primavera
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As obras de reforma da rúa Estación comezarán esta mesma semana
Por Redacción |
-
Obras de mellora da accesibilidade na Seca e na avenida de Compostela
Por Redacción |
-
O desdobramento da Avenida de Vigo avanza a "un ritmo espectacular"
Por Diego Espiño |
-
Comezan as obras para o desdobramento da Avenida de Vigo
Por Redacción |
-
Covsa-EC Casas desdobrarán a avenida de Vigo por 4,1 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |