O Concello ultima a ordenanza que regula a ITV dos edificios
Por Redacción
A comisión de urbanismo do Concello de Pontevedra estudió la Ordenanza municipal reguladora do Informe de Avaliación dos Edificios do Concello de Pontevedra (IAED).
Esta ordenanza está engarzada na Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbanas (do pasado 26 de xuño) que cambiou a antiga Inspección Técnica dos Edificios polo Informe de Avaliación dos Edificios, que ademais da revisión técnica inclúe cuestións de accesibilidade e eficiencia enerxética.
Formalmente, esta ordenanza é un texto sinxelo estruturado en 5 capítulos, 20 artigos, tres disposicións, adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria, dúas derradeiras e un anexo.
QUEDAN OBRIGADOS A PASAR A IAED:
- Os edificios cunha antigüidade superior aos 50 anos.
- Os edificios catalogados ou protexidos (o que inclúe todo o Centro Histórico).
- Calquera edificio, con independencia da súa antigüidade, que pretenda acollerse a axudas públicas para obras de conservación, accesibilidade ou eficiencia enerxética.
Quedan excluídos unicamente os que teñan declaración de ruína. Unha vez pasada a primeira inspección, as sucesivas deben acometerse cada 10 anos.
REXISTRO MUNICIPAL
Créase un rexistro que, ademais de xestionar os informes que se vaian emitindo, publicará na web do Concello e no taboleiro de edictos anualmente os edificios aos que lle toca pasar a revisión no ano en curso.
CALENDARIO
A ordenanza introduce na súa adicional primeira un calendario para ir acometendo, de xeito progresivo a revisión dos edificios.
Ao non ter constancia do número total de inmobles que terán que pasala óptase por introducir varios pasos.
Ata o remate do ano 2015 teñen que pasala os edificios cunha antigüidade superior aos 70 anos. Ata o remate do ano 2016 os edificios de máis de 60 anos. Ata o remate do ano 2017 os edificios de máis de 50 anos.
En canto aos edificios BIC, catalogados ou inventariados hai outros tres prazos: Os anteriores a 1900 ata o remate de 2015. Os anteriores a 1925 ata o remate de 2016. As edificacións rehabilitadas integralmente a partir de 1990 ata o remate de 2018. Finalmente as naves industriais ou comerciais e todas as vivendas unifamiliares teñen ata o remate do ano 2018 para presentar o IAED.
QUEN ESTÁ OBRIGADO A PRESENTAR A IAED?
Os propietarios dos inmobles.
No caso dos edificios de vivenda colectiva as comunidades de veciños. E isto inclúe tamén os locais comerciais.
As inspeccións serán visuais, pero os técnicos que a realicen poderán ordenar probas complementarias en caso necesario se resulta insuficiente coa inspección visual. Tamén poderán realizarse catas, colocar testemuñas, probas de carga e mesmo desmontar elementos (en casos estritamente necesarios) como falsos teitos para supervisar posibles danos ocultos. Mesmo contémplase a posibilidade de instar medidas de seguridade provisionais.
O resultado será unha ficha técnica do edificio, a partir do modelo aprobado polo Concello, para garantir que as revisións teñan a mínima calidade esixida.
En todo caso, esíxese revisión da estrutura, cimentación, fachadas interiores e exteriores, medianeiras, cubertas e azoteas, redes xerais de electricidade, gas, fontanería e saneamento, estado dos elementos comúns e medidas de protección contra incendios.
As deficiencias detectadas se cualificarán en leves, graves e moi graves en función do perigo que representen.
A maiores, as inspeccións avaliarán o cumprimento da normativa sobre accesibilidade e poderán propoñer medidas correctoras. Adóptase o concepto de axuste razoable, introducido pola lei estatal, que é aquel cunha repercusión que non exceda en 12 mensualidades a cota da comunidade.
Finalmente, as revisións significarán a obtención do Certificado de Eficiencia Enerxética para todas as vivendas e locais comerciais do edificio.
A emisión dun informe negativo da pé á apertura dun prazo de dous meses para a corrección das deficiencias detectadas.
INCUMPRIMENTO
A non realización da Inspección e falta de presentación dos resultados diante do Rexistro Municipal dará lugar á apertura dun procedemento de Disciplina Urbanística leve. Darase un prazo de dous meses sen prexuízo da iniciación de procedemento sancionador.
En caso de que non se atenda o incumprimento pode chegarse tamén á Execución Forzosa ou Subsidiaria, co que o Concello correría coa realización do Informe de Avaliación do Edificio e repercutiría os gastos, xunto, no seu caso, coas posibles medidas de execución subsecuentes.
CANTOS EDIFICIO ESTÁN AFECTADOS?
Cruzando datos co Instituto Nacional de Estatística uns 9.000, cifra aproximada a que estarían incluídos todos os construídos antes de 1963.
No Centro Histórico, o Peprica cataloga un total de 677, dos que 286 son anteriores ao ano 1900, polo que terían que pasar a Avaliación no primeiro período, é dicir, antes de 2015.
CUSTO
Difícil de estimar. Noutras cidades houbo unha certa guerra de prezos para a antiga Inspección Técnica dos Edificios.
O Goberno de España, ao aprobar a Lei Estatal, dotou ao Plan de Vivenda duns fondos para subvencionar ata o 50% este tipo de informes e ata un máximo de 500 euros, o que crea unha certa expectativa sobre o prezo final deste informe.