Rajoy é o "maior carteirista deste país", denuncia o PSOE ante os recortes en pensións
Por Alejandro Espiño
Máis de 65 millóns de euros. ÿ o que, segundo o PSOE, "confiscará" o Goberno aos 225.000 pensionistas da provincia de Pontevedra pola "insuficiente" revalorización das pensións. E é que o deputado Guillermo Meijón entende que o impacto de non compensar as pensións co IPC é máis grave na comunidade galega xa que os pensionistas son os que menos cobran de todo o Estado
Di Guillermo Meijón que cada un dos pensionistas pontevedreses deixará de cobrar case 300 euros, "que se detraen aos pensionistas, pero tamén a toda a economía da provincia". Unhas cantidades que, na súa maior parte, segundo explicaron os socialistas, "perderán para sempre" porque de cara a anos seguintes "non se revalorizá o que agora se perde".
Pero moito máis duro foi o exsecretario xeral da agrupación socialista de Pontevedra, Benito Gama. Agora xubilado, acusou ao Goberno de cometer un "atraco a man armada" e a Mariano Rajoy de "meter a man na carteira particular" dos máis de nove millóns de pensionistas que hai en España, o que lle converte, dixo, no "maior carterista deste país".
Segundo Benito Gama, a situación dos pensionistas "é moi fastidiada" porque están "desgraciadamente soportando en gran medida esta situación de crise". Explica que con estas pensións, son moitos os xubilados que están sostendo a moitas familias que, "grazas a eles" resisten esta conxuntura económica.
Entende ademais que a non revalorización das pensións únense a outra serie de recortes que lles afectan directamente como o repagamento de medicamentos, a suba do IRPF ou o aumento do IVE, que non fan máis, denunciou Gama, que o poder adquisitivo dos pensionistas "quede reducido en cantidades verdadeiramente astronómicas".
Sexa como sexa, desde o PSOE aseguran que este Real Decreto aprobado polo Goberno terá o seu percorrido nos tribunais. Guillermo Meijón anunciou que os servizos xurídicos do partido están preparando un recurso de inconstitucionalidade contra esta decisión; mentres que Benito Gama adiantou que UGT presentará unha reclamación ante a Seguridade Social sobre o incumprimento da lei.