A planta de compost, tampouco en Marcón: Mosquera acusa o PSOE de ser "Anacleto, agente secreto"
Por Alejandro Espiño
César Mosquera considera que os membros do PSdeG-PSOE, con respecto á planta de compostaxe e a súa posible situación, están a actuar como "Anacleto, agente secreto" ou outro personaxe de ficción, o "inspector Gadget". Só así se entende, di, o enésimo episodio desta telenovela na que se converteu o trámite que, en virtude do protocolo asinado coa Deputación, debe facer o goberno municipal: buscar chan para estas instalacións.
O edil nacionalista sinalou este luns que este proceso "vai mellor do que aparenta" e asegurou que todas as supostas situacións que foi desvelando o grupo municipal socialista, salvo a de Campañó, que foi descartada por motivos técnicos, son "radicalmente falsas". Entre elas, a de Marcón, suxerida por Agustín Fernández ao afirmar que técnicos de Lagares Oca, a empresa que redacta o plan de viabilidade, visitaran a canteira de Laxilde.
Mosquera negou este suposto e cualificou esta proposta como unha ocorrencia "sen pés nin cabeza", xa que recordou que a empresa Sercoysa ten unha concesión para explotar esta canteira, o que invalidaría esta opción "a menos que queiramos pagar unha indemnización millonaria a esta empresa". Neste sentido, acusou os socialistas de obstaculizar este proxecto coa súa actuación, unha conduta, sinalou, que "non é razoable".
O responsable deste proxecto dentro do goberno municipal subliñou que se revisaron xa preto de 20 posibles situacións que foron descartadas por cuestións técnicas. En todo caso, insiste en que o proceso vai segundo o previsto, polo que espera que se coñeza a proposta definitiva antes das próximas eleccións municipais.
CRÍTICAS DO PSOE E DO PP
A pesar desta negativa, o PSdeG-PSOE convocou os veciños de Marcón a unha reunión que se celebrará este martes para trasladarlles a postura socialista con respecto a esta planta de compostaxe. Agustín Fernández subliñou que a proposta para situala nesta parroquia contou co "rechazo de plano" dos comuneiros e acusou ao BNG de barallar alternativas "sin tener en cuenta a los vecinos".
Pola súa banda, o voceiro do PP, Jacobo Moreira, criticou mediante un comunicado de prensa a "opacidade e falta de transparencia" coa que o goberno municipal está a xestionar a busca de chan para instalar esta planta. O edil popular asegura que "non podemos consentir que o noso alcalde estea a tentear parroquias sen informar aos principais implicados".
Relacionadas:
-
A Canicouva acollerá a planta de compostaxe a cambio de 2.000 euros anuais por hectárea
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra xa ten os terreos para construír a planta de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres preparan un plan de mellora das súas pistas forestais
Por Redacción |
-
Agustín Fernández convida ás federacións veciñais a un debate público sobre a planta de compost
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Marcón rexeitan ceder terreos para a planta de compostaxe
Por Diego Espiño |
-
A canteira de áridos de Marcón, analizada como posible ubicación da planta de compostaxe
Por Alejandro Espiño |