A canteira de áridos de Marcón, analizada como posible ubicación da planta de compostaxe
Por Alejandro Espiño
Marcón é a última parroquia que foi sondada para acoller a planta de compostaxe que impulsan o Concello de Pontevedra e a Deputación. Así o desvelou, de novo, o concelleiro do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández. Asegura que técnicos da empresa Lagares Oca, responsable do estudo de viabilidade desta instalación, revisaron as condicións que presentan diferentes localizacións.
Unha delas, sobre a que segundo Agustín Fernández fixeron unha maior incidencia, é a canteira de áridos de Laxinde, xestionada ata hai anos da empresa Faro e adquirida posteriormente pola construtora Sercoysa. Está situada nas inmediacións do polígono industrial do Campiño e eses terreos son propiedade da Comunidade de Montes de Marcón, que chegou a recibir un canon anual de máis de 33.000 euros.
O edil socialista asegura que aínda que a decisión "no está tomada", insiste en que Marcón "no es el lugar adecuado" para unha planta destas características, ao igual que o resto das parroquias do rural pontevedrés. Denuncia que se está xerando "desazón" entre os veciños, especialmente pola "falta de información y de transparencia" que está a presidir todo este proceso.
Fernández insiste en que para evitar esta "alarma social", o mellor sería que se fixesen públicas todas as ofertas recibidas, tanto as que entraron por rexistro coma as que presentaron de forma verbal. Reitera que, en todo caso, o sitio idóneo para a planta sería un polígono industrial, "dende logo moito mellor que destruír seis hectáreas de monte".
Relacionadas:
-
A planta de compost, tampouco en Marcón: Mosquera acusa o PSOE de ser "Anacleto, agente secreto"
Por Alejandro Espiño |
-
Os comuneiros de Marcón rexeitan ceder terreos para a planta de compostaxe
Por Diego Espiño |
-
Lores: "Hai xente dedicada a bombardear a planta de compostaxe. Non o podo entender"
Por Alejandro Espiño & Oskar Viéitez |
-
Descartados Reiriz, Verducido, Campañó e Silleda para acoller a planta de compostaxe
Por Oskar Viéitez |