Fomento destinará 5 millóns de euros en 4 anos ao plan de recuperación e posta en valor dos castros
Por Redacción
O Ministerio de Fomento compromete para os vindeiros catro anos un investimento de preto de 5 millóns de euros para o proxecto de recuperación e posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra que impulsa a Deputación.
Así o confirmou este mércores o presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, nunha visita realizada ao Monte do Castro (Ribadumia), en compañía do director xeral de Arquitectura do Ministerio de Fomento, Juan Van Halen, e do subdirector xeral de Arquitectura, Francisco Javier Martín Ramiro.
Louzán destacou que se trata dun proxecto moi ambicioso, que se vai desenvolver no Monte do Castro e noutros 19 xacementos da provincia, co obxectivo de "recuperar e poñer en valor a historia de provincia e de Galicia".
A visita ao Monte do Castro vén dada porque é neste xacemento onde na actualidade se están a realizar traballos de consolidación e recuperación, financiados nesta ocasión con fondos propios da Deputación.
Louzán destacou que "se está a recuperar o ritmo" de execución do proxecto e nestes momentos son preto de 20 persoas as que traballan na consolidación do xacemento.
Ao longo de 2015 continuarase, xa con apoio dos fondos do ministerio, a traballar nos 20 xacementos que integra o proxecto e que se corresponden todos eles con castros da época galaico-romana, datados entre o século V antes de Cristo e o V despois de Cristo.
Entre eles figuran varios xacementos da comarca de O Salnés, como o de A Lanzada, Adro Vello, Valga ou Castro Alobre.
Relacionadas:
-
Ponse en marcha o proxecto de recuperación dos xacementos arqueolóxicos da provincia
Por Redacción |
-
Fomento e a Deputación apostan polo potencial turístico dos castros e invisten 6,5 millóns
Por Redacción |
-
As Rías Baixas integranse na Ruta dos Fenicios
Por Redacción |
-
Rematados os traballos de acondicionamento do castro de A Lanzada iniciase Adro Vello no Grove
Por Redacción |
-
A Deputación recorre ao 1% cultural para financiar a recuperación de 16 castros pontevedreses
Por Alejandro Espiño |