Case 200.000 euros para mellorar a seguridad vial en Os Campos e no acceso á UNED
Por Alejandro Espiño
Mellorar a seguridade vial, a accesibilidade e a mobilidade nos accesos á UNED e Monte Porreiro por Os Campos e Santa Margarida. ÿ o obxectivo do proxecto que ultima o Concello de Pontevedra para solucionar as deficiencias nunha das zonas "máis problemáticas" da cidade nesta materia, segundo o concelleiro Luis Bará, xunto coa avenida de Compostela, a rúa Estación ou a avenida Domingo Fontán.
A zona presenta, explicou Luis Bará, numerosos problemas para os peóns debido á ausencia de beiravías e beirarrúas en varios tramos ou o mal estado do firme. E todo iso nunha zona "moi transitada", pola presenza da UNED pero agora tamén debido ao aumento do tráfico rodado que procede a nova ponte que une a parroquia de Lérez con Monte Porreiro e que mellorou os accesos ao Hospital de Montecelo.
O principal ámbito de actuación será nas inmediacións da UNED. Alí construirase unha glorieta que axudará a coordinar a mobilidade do tráfico e que contará ademais con dúas zonas axardinadas. Será xusto no cruzamento de Os Campos coa rúa Francia e coa entrada principal da universidade. Alí instalaranse catro dos seis pasos de peóns elevados que se colocarán na zona e que permitirán que este vial pase a integrarse na zona 30 da cidade.
Ademais, diante do antigo colexio de Os Campos en dirección a Santa Margarida construiranse beirarrúas, aínda que estas serán discontinuas entre ambos os dous lados da rúa pola propia configuración do vial e as casas construídas na zona. Tallaranse algunhas das árbores (plátanos) a petición dos veciños, resolveranse certos problemas de inundacións, crearase unha senda peonil na carballeira e trasladarase a marquesiña.
En total, a obra supoñerá un investimento de 197.627 euros. Preténdese executar no primeiro semestre de 2015. O Concello de Pontevedra quere dar unha marxe para que os veciños coñezan o proxecto e poidan realizar as suxestións e modificacións oportunas.
Relacionadas:
-
Adxudican a EC Casas a mellora do acceso a Monte Porreiro por Os Campos
Por Alejandro Espiño |
-
Jacobo Moreira cualifica de "electoralista" o proxecto de reforma dos Campos, en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
O vial dos Campos, en Monte Porreiro, será reparado e contará cunha senda peonil
Por Redacción |