40 anos e 2.000 enfermeiros despois
Por Redacción
Todos os docentes, alumnos e persoal de administración e servizos que se formaron ou traballaron na Escola de Enfermeria de Pontevedra dende 1974 estaban este xoves convidados ao salón de actos do centro de formación no Hospital Provincial. Estaban chamados a participar no evento central da conmemoración do seu 40 aniversario.
A celebración serviu de homenaxe e recoñecemento a todos os que ao longo destas catro décadas desenvolveron o seu labor na Escola de Enfermería, así como aos preto de 2.000 alumnos que se formaron nela.
Coa presenza de representantes da Deputación de Pontevedra, organismo titular do centro; da Universidade de Vigo e do Servizo Galego de Saúde, o director da Escola abreu o acto demostrando que foi testemuña de excepción destes 40 anos de vida, pois exerce a docencia no centro desde a súa creación en 1974.
Na actualidade, a Escola de Enfermería conta con máis de 200 alumnos. A gran maioría (50 por curso) están matriculados nalgún dos 4 cursos que compoñen o Grao de Enfermería, mentres que algo máis dunha ducia están rematando a diplomatura e outra decena están no curso ponte que lle permitirá pasar da diplomatura ao Grao.