Os 90 militares da Brilat que asumirán a misión en Mali viaxarán en novembro
Por Redacción
Un total de 90 dos 110 militares que España achegará á misión da Unión Europea en Mali son da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) e todos eles dirán este venres "ata logo" aos seus compañeiros e á Brigada antes de trasladarse ao país africano.
A Agrupación EUTM Mali (European Union Training Mission Mali) V está formada basicamente por Unidades da Brilat con sede en Pontevedra e o Rexemento de Infantaría Isabel La Católica 29 é a unidade que achega un maior número de efectivos (90).
Segundo informou a Brilat, está previsto que o despregamento de todo o persoal se realice ao longo do mes de novembro e este venres 31 de outubro celebrarase na base General Morillo de Figueirido un acto militar para despedir o continxente. Estará presidido polo actual xeneral da Brigada, Luis Cebrián Carbonell.
O obxectivo da misión que asumirá a Brigada é apoiar ás forzas armadas de Mali mediante o asesoramento nos ámbitos do mando e control, da loxística, dos recursos humanos e do dereito humanitario internacional, ademais do adestramento das unidades de combate malienses para que alcancen a capacidade suficiente que lles permita actuar, de forma autónoma, fronte á ameaza yihadista do norte do país.
Dende o inicio da misión, a estratexia militar de EUTM Mali foi contribuír á restauración da capacidade militar das forzas armadas malienses, que é o factor determinante para alcanzar o "estado final desexado" segundo o plan europeo. España é, xunto con Francia, o país europeo que realiza un maior esforzo pola estabilidade de Mali.
A operación EUTM Mali estrutúrase nun Cuartel Xeral Operacional e un Equipo de Asesoramento -Advanced Task Force (ATF)-, ambos os dous despregados na capital Bamako, e un grupo de instrutores que desenvolven un programa específico de adestramento das unidades militares malienses (a maior parte do continxente desprazado a Mali), que desprega na localidade de Koulikoro, unha pequena e tradicional localidade situada na ribeira oeste do río Níxer, a 60 quilómetros da capital maliense.
Relacionadas:
-
A Brilat regresará de Mali de xeito inminente
Por Natalia Puga |
-
A Brilat despide os 280 militares que asumirán en Afganistán unha misión con risco "calculado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Eles vanse contentos, os nervios quedan cos de casa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A misión da Brilat en Mali aplicará medidas de prevención ante o ébola
Por Redacción |
-
A Brilat planifica xa a operación 'Centinela Gallego' e en setembro comezará o seu adestramento para Mali
Por Natalia Puga |
-
A Brilat enviará 120 militares a Mali
Por Redacción |