'Chito' Lavía, condenado a seis anos de cárcere por abusar de dous menores
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Rafael "Chito" Lavía, de 70 anos, un coñecido ex adestrador de fútbol base admitiu este xoves ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia Provincial ter abusado sexualmente de dous menores, polo que foi condenado a 6 anos de prisión.
"Chito" Lavía sentou no banco dos acusados e recoñeceu os feitos dos que o acusaba a Fiscalía de Pontevedra, acadando un acordo de conformidade polo que veu reducida a súa condena.
O fiscal modificou a súa petición inicial de penas que sumaban oito anos e medio de prisión para o procesado, ao considerar os atenuantes de reparación do dano, (xa que consignou unha cantidade de diñeiro antes do xuízo en concepto de responsabilidade civil) e un segundo atenuante de confesión, posto que admitiu os feitos dende o primeiro momento ante a Policía Nacional e con posterioridade ante o Xulgado.
O acusado é condenado por dous delitos, un de abusos a un menor de 13 anos, polo que asume unha pena de catro anos, e outro delito de abusos sexuais a un menor (de máis de 13 anos), polo que é condenado a dous anos de prisión. Estes abusos teríaos cometido tendo como vítimas a dous nenos de nacionalidade rumana e teríanse producido nun faiado de súa propiedade na rúa Cruz Vermella de Pontevedra.
O fiscal, Ignacio Sáez, tamén pediu unha pena accesoria de 9 anos para cada delito de prohibición de comunicarse ou aproximarse a ambos os dous menores, o seu domicilio e o seu centro escolar, unha medida que comezará a contabilizarse unha vez os maxistrados da Audiencia declaren firme o acordo alcanzado.
Ademais, unha vez cumpra a condena de prisión, o pontevedrés será sometido a outros 18 anos de liberdade vixiada. O procesado leva en prisión provisional dende a súa detención en agosto de 2013.
En concepto de responsabilidade civil o procesado deberá pagar nos próximos tres meses a cantidade de 7.500 euros a cada neno. Ademais, terá que facer fronte ao pago de 1.500 euros polas costas do xuizo.
Relacionadas:
-
A Audiencia de Pontevedra xulgará este xoves a Chito Lavía por abusar de dous menores
Por Oskar Viéitez |
-
Un menor relata que o presunto pederasta de Cruz Vermella o 'compraba' con chuches e bocatas
Por Natalia Puga |
-
Prisión para un septuaxenario por abusar de polo menos dous menores nun faiado de Cruz Vermella
Por Natalia Puga |