Moreira acusa a Mosquera de mentir para "manter enterrado o novo PXOM"
Por Redacción
"Mosquera minte porque xa non sabe como xustificar ante os seus veciños a súa teimosía en manter enterrado nun caixón o proxecto do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal".
Con esta contundencia referíuse o voceiro do Grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira á "peculiar lectura" que o concelleiro de Infrestruturas, César Mosquera, realizou sobre unha nota da Xunta de Galicia relativa ao alcance das dúas recentes sentenzas que afectan ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal dos terreos que ocupa o complexo industrial de Lourizán.
Jacobo Moreira cre que o concelleiro do BNG se sinte "cada día máis acurralado para defender o seu deixamento e obviar a que hoxe é a súa única responsabilidade, e por iso recorre á terxiversación e á mentira".
O voceiro popular recorda que o recente conflito dos crematorios mostrou "con toda claridade un exemplo das dificultades que se pode e se vai atopar o Concello mentres teñamos o obsoleto PXOM actual".
Segundo o Partido Popular cando o concelleiro Mosquera sosten publicamente que a Xunta xa se pronunciou de xeito oficial sobre as devanditas resolucións xudiciais, a realidade, según os populares, "é que a nota da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas matiza unicamente que corresponde aos servizos xurídicos do Concello analizar a incidencia das sentenzas".
O Partido Popular entende que, aínda dando por certo que as diferenzas sobre ese proxecto sectorial xustificaran a paralización do PXOM, "que non o fan", Mosquera so tería que esperar que os servizos xurídicos municipais avalaran a súa tese para continuar coa redacción do documento.
"A discusión sobre a cualificación urbanística da área que ocupa Ence, en todo caso, retomaríase posteriormente e, por suposto, non tería que condicionar o resto do Plan Xeral", dí Jacobo Moreira.
O Xefe de filas dos PP local di que Mosquera "necesita aferrarse a calquera desculpa para non rectificar unha decisión que todos os veciños ven hoxe que foi completamente absurda e que condiciona enormemente o futuro da cidade".
Moreira deixa unha pregunta no aire para Cesáreo Mosquera "se as súas responsabilidades de goberno son a ponte das Correntes, xa rematada, e a redacción do PXOM, hoxe aínda paralizada. Que fai entón no Concello?"