CIG Saúde denuncia a privatización dun novo servizo na Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés
Por Redacción
Desde o pasado 17 de outubro, un novo servizo na Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés está xa en mans privadas. Así o denuncia o sindicato CIG Saúde. ÿ o servizo de loxística, que coordina os almacéns e as subministracións de todos os centros dependentes desta área, entre eles o Complexo Hospitalario de Pontevedra e o Hospital do Salnés.
Este contrato, que afecta a todos os hospitais do Sergas, foi adxudicado á empresa Severiano Gestión SL no mes de decembro de 2011. Abarca un período de once anos e ten un importe de 98.130.701,42 euros, IVE incluído. Esta privatización supuxo, segundo a central sindical, a perda de máis de 200 postos de traballo na sanidade pública galega.
Na Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés esta privatización afecta a máis 15 traballadores entre celadores e administrativos e implica, explica CIG Saúde, que moitas destas prazas serán amortizadas. Coa supresión destas prazas "diminúe a contratación nas categorías afectadas e na práctica supón a paralización das listas de contratación", sinalan desde o sindicato.
CIG Saúde asegura que a privatización dos servizos públicos "están a hipotecar o futuro da sanidade pública", pois na maioría dos casos estes "megacontratos" son por un período de tempo moi longo e as empresas "están blindadas contra posibles decisións de reverter os servizos ao ámbito público".
Ademais, denuncian que estas decisións non obedecen a problemas de xestión ou de custe económico, "ten mais que ver coa política de privatizacións que o PP está a aplicar no ámbito dos servizos públicos para que empresas privadas, na maioría dos casos ligadas a cargos da propia administración, fagan grandes negocios a conta da saúde de todos os galegos e galegas".
Relacionadas:
-
Sanidade adxudica á empresa Dragados as obras de ampliación do Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
Denuncian listas de espera de máis dunha semana para o médico de cabeceira
Por Redacción |
-
Unha multitudinaria manifestación percorre Pontevedra en defensa da Sanidade Pública
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |