Patronal e sindicatos chegan a un acordo no convenio do metal do que se desmarca CIG
Por Diego Espiño
Ameazados tras a reforma laboral con perder un convenio propio de non chegar a unha posta en común, o pasado caducou o 31 de decembro de 2011 e atopábase prorrogado, a mesa sectorial do metal en Pontevedra asinou un acordo para o ano 2012 que está a piques de concluír. Deste xeito, a principios de 2013, volverán sentar en busca dun novo documento que regule o sector os próximos anos.
O acordo foi asinado pola patronal e polos sindicatos UGT e CCOO, a organización sindicalista CIG desvinculouse ao entender que se traspasaron as liñas vermellas pactadas entre a representación laboral, como recoñece o seu representante Marcos Conde, "cando a economía volva a funcionar queren ter os elementos para tratarnos como escravos. Isto é a desrregulación total, é darlle carta branca as empresas".
O convenio recolle un incremento salarial único do 1%, desvinculándoo do IPC, "dende ou 2011 os traballadores sufriron unha perda de poder sobre o IPC de máis do 5%", recalca Conde. As outras "liñas vermellas" ás que se refire a CIG teñen que ver coa duración do convenio e coa distribución irregular da xornada laboral.
Na provincia de Pontevedra son máis de 20.000 os traballadores dependentes do convenio xeral do metal. Para CIG, a solución podería vir por lograr reunir os convenios provinciais nun só, aproveitando que este ano caducan as regulacións propias das outras tres provincias galegas.