Conclúen unha serie de actuacións no camiño dos Francos (Tourón)
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas completou unha serie de actuacións no núcleo de Tourón. En concreto, pavimentouse o coñecido como camiño dos Francos, mellorando o firme dos seus accesos. Ademais, procedeuse á limpeza e saneamento do pozo do lugar, situado nesa zona nun lateral do camiño e que se encontraba cheo de entullo e maleza o que provocaba o estreitamento do camiño.
Con esta actuación que se viu completada coa colocación dunha varanda para maior seguridade dos viandantes, o goberno municipal cumpre o compromiso adquirido cos veciños de Tourón de mellorar este vial e este pozo, tal e como lle solicitaron nunha reunión que mantivo Perfecto Rodríguez coa directiva veciñal a pasada primavera.
A actuación de mellora do pozo realizouse con maquinaria e operarios municipais e a pavimentación do camiño financiouse a través do Plan de Obras que a Deputación aprobou para os concellos neste ano 2014.
En Tourón neste ano tamén se pavimentou o camiño de San Ramón que dá acceso a esa zona así como a área arqueolóxica de Tourón, actuación esta que foi realizada polo Concello en virtude dunha subvención concedida pola Xunta de Galicia.