Case 5.800 pontevedreses colaboran como voluntarios con Cruz Vermella Española
Por Alejandro Espiño
Máis de 19.000 voluntarios colaboran actualmente con Cruz Vermella Española, un dos organismos máis activos no ámbito do benestar social. E é precisamente a provincia de Pontevedra, con 5.728 persoas, a que maior concienciación social demostra. Son datos que se fixeron públicos con motivo da celebración, este mércores 5 de novembro, do Día Internacional do Voluntariado.
Estes voluntarios, que se suman aos 5.104 na Coruña, 4.103 en Lugo e 4.181 en Ourense, participan nas distintas fases da posta en marcha e desenvolvemento dos proxectos e actividades das seis oficinas locais coas que conta a provincia de Pontevedra. En total, Cruz Vermella conta con 40 sedes situadas en distintas localidades da comunidade autónoma. En España, a Institución conta con máis de 207.000 persoas voluntarias. De todas elas, 143 son novas incorporacións neste 2012 na cidade de Pontevedra.
A través deles, explica Cruz Vermella, estase podendo constatar que as demandas máis urxentes das persoas vulnerables teñen que ver coa cobertura inmediata de necesidades básicas. "O voluntariado constitúe un elemento básico para a canalización da solidariedade, á vez que mellora e fortalece a participación social, influíndo sobre a transformación da contorna e tornándoa máis igualitaria e xusta", aseguran.
Perfil do voluntariado
En relación ao perfil tipo do voluntariado de Cruz Vermella, a institución destaca que existe paridade de xénero (52,26 % mulleres e 47,74 % homes); a maioría ten unha idade comprendida entre os 31 e 40 anos (o 30,93 %); o 43,38% ten estudos superiores, e o 22,37% é estudante. O 7,17 % do voluntariado é de orixe estranxeira.
O maior número de voluntarios atópase desenvolvendo actividade no ámbito de Socorros e Urxencias (31,70 % do total), seguido polos plans de Intervención Social (31,37%), e por Cruz Vermella Mocidade (13,26 %). O voluntariado de Cruz Vermella tamén participa activamente noutras áreas de traballo como Voluntariado e participación, Formación, Captación de Fondos, Cooperación Internacional e Medio Ambiente
Impacto da crise
Nos dous últimos anos, o impacto da crise socioeconómica fixo que moitas persoas, que ata hai pouco se atopaban en contextos socioeconómicos seguros, entren a formar parte dos colectivos atendidos pola organización humanitaria.
O 82% das persoas que atende Cruz Vermella vive por baixo do limiar da pobreza (renda menor de 627,78 euros ao mes) e presenta unha taxa de paro do 64,86 %. O 50% dos desempregados atendidos pola organización leva máis de dous anos en paro e o 51% carece de cobertura de desemprego ou rendas mínimas. Estes son algúns dos datos que se extraen do Boletín sobre a Vulnerabilidade Social de Cruz Vermella Española, que mide o impacto da crise na poboación atendida pola organización.
O obxectivo concreto deste chamamento é o de incrementar a atención de Cruz Vermella cara a colectivos en situación de extrema vulnerabilidade, como familias con todos os seus membros en paro, nenos que viven en fogares pobres, persoas maiores con responsabilidade ou cargas familiares, persoas paradas de longa duración, persoas sen fogar ou mozos en paro.