Viaxamos a Madrid! Pistas para saber onde aloxarse, comer, rir, gozar... (Parte I)
Por Sylvie Tartán
Queridos lectores, de cando en vez non está nada mal pasearse pola gran cidade e ver que se coce por alí. Inspirar CO2 adoita traer consigo outro tipo de inspiracións máis produtivas e menos daniñas que un pode traerse ao seu lugar de orixe para, despois, diseccionar e extraer ideas, experiencias e bos momentos. Para que iso sexa posible, o primeiro que hai que buscar, á parte dun billete de avión ou unha gasolineira con prezos amables, -vexo máis factible o do billete-, é un hotel. Neste o meu último periplo teño descuberto un en pleno centro de Madrid, nunha rúa silenciosa e tranquila, seguro como o Pentágono, acolledor como os brazos dunha nai, e cun servizo que ademais de profesional é ata cariñoso. Raro, verdade? Pois existe. O Hotel Amador dos Ríos encóntrase no número 3 da rúa do mesmo nome, a medio minuto da Praza de Colón e do meu adorado barrio de Salamanca.
- Detalle da escultura cinética de material reciclado que hai no hotel, asinada polo artista suízo Pascal Bettex. Dádelle ao interruptor!
Decorado polo prestixioso Pascua Ortega, con só 29 cuartos -encántanme os hoteis pequenos-, sitúase na parte máis VIP de Chamberí e en fronte ao Ministerio do Interior, unha das zonas máis protexidas de Madrid como poderedes comprobar, se ides. Absterse afeccionados á delincuencia porque o podedes pasar fatal.
- Ascensores forrados de madeira, lámpadas de corazóns ardentes e o detalle dunha esponxa natural no baño. Así dá gusto!
Unha vez situados nun marabilloso lugar onde gorecernos durante a nosa viaxe, o seguinte é ir a picotear algo a un lugar de moda, antes de que non se poida nin entrar. Ese requisito cúmpreo á perfección, Ultramarinos Quintín, unha tenda de produtos delicatessen onde se pode beber, comer, comprar e departir cos amigos.
- A bonita entrada de San Quintín
- Podedes comer aquí
- ... ou levarvos as viandas á casa ou ao hotel Amador dos Ríos, que ten cociña e microondas no cuarto.
Dos mesmos donos que El Paraguas e o exitoso Ten con Ten, chega agora este rinconcito culinario á cidade que á parte de ser de ultramar é ultrachic. Cruzando o Paseo da Castelá, dende o noso hotel, encóntrase moi preto, na rúa Jorge Juan, 17. Encontrarédesvos xente ben, decoración moi coidada e produtos da máxima calidade. Amabilidade e simpatía na barra.
E como guinda do día, "Fai clic aquí". Si, si, o fai. "Fai clic aquí" é unha obra de teatro impactante, vangardista e de obrigado visionado para todos os que nos manexamos con redes sociais.
A poucos metros do noso hotel, o Teatro María Guerrero acolle na súa sala de La Princesa, ata o 23 de novembro, esta obra. O seu director José Padilla formula a cuestión dos linchamentos a través de redes que poden chegar a ser verdadeiros xuízos sociais sen intervención, claro, de xuíz nin seguimento de procedemento ningún. Perigosos e moitas veces, irracionais, poden ocasionar danos irreversibles. Dá que pensar, asegúrovolo.
- Absolutamente xenial a interpretación de toda a repartición e a posta en escena.
Espero tervos dado algunha idea para a vosa próxima viaxe á capi. E se non é así, desesperedes porque... aínda hai máis!
Bicos e abrazos, queridos lectores!