O Concello renegociará tres créditos con Abanca, La Caixa e BBVA para pagar menos intereses
Por Alejandro Espiño
Pontevedra pechou 2013 cun superávit de 1.052.000 euros. Este diñeiro será utilizado polo goberno municipal para amortizar parte da súa débeda. En concreto, preténdese reducir as cantidades pendentes de pagamento ás entidades bancarias coas que se asinaron préstamos "na época álxida" deste tipo de operacións de crédito, segundo explicou o concelleiro de Facenda, Raimundo González.
O último crédito, que o goberno municipal asinou co Banco Sabadell, ten un tipo de xuro do Euribor máis o 1,52%, un nivel que aspiran a alcanzar con tres créditos asinados con Abanca, La Caixa e BBVA entre os anos 2010 e 2012. Intentarán renegociar as condicións destas tres operacións.
En concreto, con Abanca asinouse un crédito en 2010 que ascende a 3.309.041,31 euros; mentres que en 2012 se fixo o propio con La Caixa por valor de 1.000.000 euros e co BBVA por 2.450.000 euros.
Xa se contactou con todas elas para reducir os intereses que o Concello de Pontevedra paga por estes créditos. O que ofreza as peores condicións, é dicir, o que manteña o tipo de xuro máis alto, será o destinatario dos 1.052.000 euros nos que o goberno municipal reducirá a súa débeda bancaria.