A Xunta obriga a incluir ENCE como zona industrial no novo PXOM
Por Redacción
"Este é un obstáculo insalvable para continuar coa tramitación do Plan Xeral". ÿ a resposta do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera ao informe recibido no Concello de Pontevedra por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Este documento reitera a obrigación do goberno municipal de incluír os terreos de ENCE como industriais no futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Tras as dúas sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Concello enviou unha pregunta á Consellería para saber se se ratificaba no seu informe de agosto de 2010 e no que se obrigaba ao Concello a recoller o Plan Sectorial de Ence, "e polo tanto, deixar a perpetuidade eses terreos con cualificación industrial"; ou pola contra, rectificaba esta obrigación en función destes dous fallos xudiciais.
A contestación da Xunta remítese a devandito informe, polo que César Mosquera explicou que "se as declaracións públicas que fan os dirixentes da Xunta de Galicia sobre o futuro de Ence en Lourizán, sobre o seu traslado, se corresponderan coa realidade terían marco legal nestas sentenzas ditadas sobre o Proxecto Sectorial, pero a realidade é que cada comunicación oficial que fan ao respecto vai no sentido contrario a esa opinión que defenden en público".
Para o concelleiro de Infraestruturas existen dous obstáculos para continuar coa tramitación do Plan Xeral: a inclusión de ENCE como zona industrial e a negociación da edificabilidade. "Sempre pensamos que a primeira sería un obstáculo que tería unha solución fácil, e estabamos dispostos a pelexar pola edificabilidade, pero vemos que nin sequera é así".