As ludotecas do Nadal mergúllanse no mundo da espionaxe
Por Redacción
As ludotecas de Nadal volven este ano con máis forza e temática renovada. Os rapaces poderán mergullarse no mundo da espionaxe con divertidos xogos pola cidade ou ben introducirse na lingua inglesa ao tempo que xogan. Unha proposta que axuda aos pais á conciliación da vida familiar coa laboral nesta época festiva e na que se invisten 55.000 euros.
Estas ludotecas, organizadas polo concello de Pontevedra e a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra, manteñen o rango de idade (de 3 a 12 anos) e a oferta para un total de 240 alumnos. Un 10% das prazas están reservadas a nenos das familias atendidas nos Servizos Sociais municipais.
Os horarios serán flexibles, entre as 9 e as 14 horas. En canto ao prezo, estableceuse, por primeira vez, un custo único de 30 euros (redúcese a 20 euros para familias numerosas e para o segundo fillo inscrito). Isto supón unha rebaixa de 10 euros na ludoteca de Inglés, pois o ano pasado o prezo era de 40 euros.
As tres Escolas de Nadal, centralizadas nos colexios de Barcelos, Campolongo e Álvarez Limeses, celebraranse entre o 24 de decembro e o 4 de xaneiro. Divídense en dúas actividades ben distintas.
"Un Nadal detectivesco" é o programa principal. Desenvolverase en Barcelos e Campolongo, con 80 prazas en cada centro. Polas rúas de Pontevedra andará solto unha personaxe que quere arruinar o Nadal e se propón roubar os agasallos da noite de Reis. Os pequenos detectives deberán atrapalo. Disporán de pistas valiosas, como un mural coas principais rúas da Zona Monumental e, no día da excursión, terán que atopalo cun xogo de pistas no Museo de Pontevedra.
As propostas de lecer para os nenos inclúen tamén obradoiros de xoias, búsqueda de tesouros, obradoiro de cociña, música tradicional, elaboración de códigos segredos, viaxe polos Nadais do mundo e obradoiros de decoración destas datas.
A segunda proposta, a ludoteca de inglés, chega este ano co nome de "Spy Christmas". Celebrarase no colexio Álvarez Limeses, cun total de 80 prazas. Os nenos consolidarán conceptos en inglés ao tempo que realizan actividades como obradoiros de cociña, elaboración de xoias, adornos ou xogan ao bingo ou ao "password".
O prazo de inscrición comeza mañá martes e estará aberto ata o día 11.