Os orzamentos da Deputación para 2015 sufrirán unha "baixada leve" e situaranse nos 145 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, avanzou que os orzamentos desta institución para 2015 sufrirán unha "baixada leve" con respecto aos do actual exercicio, ata situarse no entorno dos 145 millóns de euros.
Así o anunciou este venres na rolda de prensa tras a Xunta de Goberno, recalcando que "a loita contra o desemprego e o apoio aos concellos para que poidan atender as necesidades prioritarias", serán dous dos eixes centrais das contas públicas do ano próximo.
Neste sentido, anunciou a posta en marcha de plans de emprego nos que a Deputación "vai facer de novo un gran esforzo co obxectivo de facilitarlle contratos a entre 2.500 e 3.000 persoas", entre os que se incluirán contratos para traballadores destinados ao mantemento de servizos e infraestruturas nos municipios e un novo plan de práctica laboral para titulados na administración local.
Unha iniciativa que, tal e como lembrou Louzán, xa se puxo en marcha en 2013 con "alto grao de satisfacción" e que lle permitiu aos concellos contar, durante un ano, con titulados universitarios ou de ciclos de FP que tiveron ocasión de ter así a súa primeira experiencia laboral.
Así mesmo, Louzán destacou que se seguirá traballando na recuperación dos edificios do Museo, para o que aínda queda dispoñible unha partida de 1,5 millóns de euros dos orzamentos deste ano "que non se puido investir" porque se está pendente das correspondentes autorizacións de Patrimonio.
Neste sentido, indicou que se trata de rehabilitar os edificios do Museo que aínda non foron reformados e que na actualidade presentan un "notable deterioro".
Finalmente, Rafael Louzán lembrou que de cara ao vindeiro exercicio se continuarán actuacións xa en marcha, como a construción dos viveiros de empresas de Lalín e Barro-Meis ou a posta en marcha do servizo provincial de recollida e tratamento de residuos.
Relacionadas:
-
Un total de 907 mozos titulados preinscríbense para optar ás 200 bolsas do novo plan de práctica
Por Redacción |
-
Os socialistas critican que Louzán informe antes ó PP sobre os orzamentos que aos grupos da Deputación
Por Redacción |
-
A débeda da Deputación de Pontevedra situarase nun 38% ao rematar este ano 2014
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |