Lores invita os estudantes de Bos Aires a que proben o 'octopus to the party'

Por Redacción
Un grupo de estudantes, de entre 12 e 17 anos, do centro José Hernández de Bos Aires encóntranse, durante estes días, por Pontevedra a través dun intercambio co centro Luis Seoane de Monte Porreiro promovido pola Unesco. Ata o 23 de outubro visitarán Santiago de Compostela, Lugo e outras zonas da provincia de Pontevedra para coñecer lugares significativos de Galicia, pero este mércores tiñan cita co alcalde de Pontevedra no Concello ao que lle transmitiron a súa sorpresa pola beleza da cidade.
Miguel Anxo Fernández Lores presentouse falándolles en castelán: "soy el alcalde", un cargo que para os arxentinos se corresponde co de "intendente". Durante preto de media hora, Fernández Lores expúxolles o modelo de cidade aos mozos destacando a importancia de que as cidades sexan para as persoas e non para os automóbiles: "por aquí diante pasaban máis de 10.000 coches hai anos. Agora non hai ruído, só o da xente falando" e sinalaba a importancia do aforro enerxético que supón evitar a circulación de vehículos polo centro ademais da redución de emisións de CO2 que supón. Pero o intendente pontevedrés centrouse, sobre todo, na importancia de que os nenos xoguen polas rúas de Pontevedra, unha imaxe que sorprendeu durante as súas primeiras horas na cidade aos mozos arxentinos, que afirmaban a preocupación pola inseguridade que se vive nos barrios de Bos Aires.
No mesmo sentido, pronunciábanse a directora e o vicedirector de Secundaria do centro educativo arxentino: "Pontevedra sorprendeunos polo ecolóxica, ambiental e sustentable que é e polo contacto entre os lugares públicos e os seus habitantes". Destacaban tamén a seguridade que percibían, unha circunstancia que permitía dar máis liberdade aos mozos para que se puidesen mover pola cidade.
Outro dos aspectos que, sen dúbida, chama a atención dos escolares arxentinos na súa visita a terras galegas é a gastronomía. Fernández Lores aconselloulles que comesen tortilla española "que é de Galicia, pero pedide a que se fai na casa" e o "polbo á feira" e, a continuación, realizou a súa tradución ao estilo Ana Botella do típico prato galego: "Tedes que probar o octopus to the party".
Visita de alumnos arxentinos ao Concello de Pontevedra a través da Unesco
© Mónica Patxot
Unha rapaza arxentina explica o que máis lle sorprende de Pontevedra
Camila Villalba. Alumna arxentina con antepasados galegos
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Os visitantes arxentinos destacan a calidade de vida na cidade de Pontevedra
Diego Carnio. Vicedirector de Secundaria do Colexio José Hernández de Bos Aires
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Relacionadas:
-
Lores anima os portugueses a devolver aos peóns espazos públicos ocupados polos coches
Por Redacción |
-
120 profesores participan en Pontevedra no encontro estatal de Escolas Asociadas á UNESCO
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra conmemora "60 anos educando en liberdade" das escolas asociadas á UNESCO
Por Natalia Puga |
-
60 anos de educación en liberdade da man das Escolas asociadas á Unesco
Por Redacción |