Dous 'narcos' delatan o seu camelo ao afirmar que foron á súa casa a comprar droga e non a ver fútbol
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Mentres media España vía a Semifinal da Eurocopa 2012 entre España e Portugal, nunha casa de Saiar (Caldas) producíase supostamente unha transacción de cocaína con tres protagonistas, dous individuos que se desprazaron dende Vigo a bordo dun BMW para comprar a droga e un que lles atendía na casa da súa avoa mentres cinco persoas da súa familia gozaban do partido.
Os feitos expuxéronse desta forma este martes na Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra no transcurso dun xuízo no que os dous mozos que chegaron en coche recoñeceron os feitos e alcanzaron un acordo de conformidade coa fiscal do caso mentres que o seu suposto vendedor negou que lles facilitase ningunha substancia estupefaciente.
No transcurso da vista oral, os dous supostos compradores, os acusados Isaac O.C. e Francisco G.F., sinalaron que no momento dos feitos, en xuño de 2012, eran consumidores habituais de cocaína e cannabis e acudiron a unha casa de Soutelo de Arriba de Caldas para comprar droga ao terceiro acusado, Diego O.P.. Tras reunirse con el e adquirir a substancia, saíron a toda velocidade do lugar e puxeron rumbo a Vigo, pero polo camiño deulles o alto a Policía Nacional á altura da peaxe de Vilaboa e localizaron no coche 217 gramos de cocaína.
O suposto vendedor non recoñeceu a súa participación nos feitos, senón todo o contrario, negou calquera implicación na transacción de droga. Segundo explicou, quedara cos outros dous acusados para entregarlles unha videoconsola que lles arranxara, e pola que lle pagaron 70 euros. Quedou con eles na casa da súa avoa de Saiar mentres vía o partido co seu primo e o familiar mesmo recoñeceu no xuízo que Isaac O.C. e Francisco G.F. estiveron na casa vendo o fútbol.
A fiscal rebaixa de cinco a tres anos a petición de prisión para dous dos acusados de comprar droga en Caldas antes de ser interceptados na peaxe de Vilaboa
Na vivenda particular de Diego O.T. a Policía Nacional localizou básculas de precisión e unha máquina envasadora das habitualmente utlizadas para manipular droga, pero o procesado asegura que en realidade as usaba para a cría de réptiles. Así, indicou que os lagartos que crían ten que pesar 42 gramos para reproducirse e utiliza estas básculas para comprobar que dan o peso e que a envasadora a utiliza para non ter que comprar leituga fresca a diario para alimentar as súas mascotas.
Os dous acusados que recoñeceron os feitos beneficiáronse dunha rebaixa substancial da condena que lle pedía inicialmente a fiscal. A representante do Ministerio Público pedía para cada un dos tres acusados cinco anos de prisión como autores dun delito contra a saúde pública, pero decidiu rebaixar a petición para estes dous ao ter en conta a circunstancia atenuante de drogadicción.
Ao respecto, á hora de dicir as súas conclusións finais, a fiscal sinalou que Francisco G.F. e Issac O.C. "eran consumidores de sustancia estupefaciente y cometieron el delito para consiguir dinero a fin de satisfacer su adicción". No caso de ambos os dous considera acreditada a súa participación no delito e pídelles tres anos de prisión mentres que no caso de Diego O.P. tamén considera acreditado que é autor dos feitos, pero mantén para el unha petición de cinco anos. Sostén a fiscal que "no hay duda alguna de que es la persona que les aprovisionó de la cocaína el día de los hechos".
Os axentes do Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Pontevedra que levaron a investigación explicaron que o día dos feitos tiñan informacións de que se produciría unha operación de compravenda de droga en Caldas, seguiron ao vehículo BMW de Francisco e Issac dende a peaxe e viron como chegaban á casa da avoa de Diego e realizaban movementos "típicos de una transacción" de estupefaciente.