Piden formación práctica inmediata para enfrontarse a posibles casos de ébola en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A Xunta de Persoal de los Hospitais de Pontevedra mantiña na mañá deste martes 14 unha concentración ante as portas do Hospital Provincial e de Montecelo para amosar a súa solidariedade coa enfermeira galega afectada polo virus do ébola, Teresa Romero, e ao mesmo tempo para reclamar a inmediata posta en marcha de cursos de formación sobre como facer fronte a esta infección para os traballadores dos centros sanitarios da área norte de Pontevedra.
Nesta xornada, os traballadores e o comité de seguridade laboral foron citados para manter a primeira charla informativa no Hospital Montecelo. Trátase da primeira reunión oficial que se desenvolve en Pontevedra con motivo da crise do ébola a través das Oficinas Sanitarias Internacionais. Anteriormente celebrárase unha charla para persoal de limpeza e o servizo de urxencias pero a través de persoal do centro.
O xoves 16 está previsto que teña lugar a segunda. Non obstante, para Carmen Revenga, presidenta da Xunta de Persoal, o ritmo establecido para esta formación non é o acertado: "Lo están haciendo lento. Las cosas no se pueden hacer así. Queremos que se muevan un poco más. Empiezan con dos charlas, vamos un poquito lentos. Hay que ponerse las pilas". Revenga recorda que hai moitas embarcacións que realizan viaxes a África e o persoal sanitario teme que poida presentarse algún caso nos centros de Pontevedra sen que conten con todos os medios e coñecementos protocolarios para facer fronte ao perigo de infección.
Reclaman que se lles deixe claro como deben actuar en caso de que apareza un caso: se deben pechar un PAC no que poida detectarse a presenza dun paciente coa infección do virus, información sobre como quitar o traxe, saber que espazos deben empregarse... "No queremos dar palos de ciego", afirma a presidenta da Xunta de Persoal, que insiste en que "vamos a trancas y barrancas".
O persoal tamén quere comprobar a calidade dos novos traxes de prevención que adquiriu a Consellería de Sanidade para o caso de que se produza unha alerta.