Un incendio nun cadro eléctrico provoca un apagón na zona da Peregrina
Por Mónica Patxot
Un incendio iniciado nun cadro eléctrico provocou este luns un apagamento na zona da Peregrina e a praza de Ourense no que quedaron sen subministración vivendas particulares e comercios. As chamas non afectaron a ningún elemento a maiores.
Testemuñas presenciais indicaron que o lume comezou poucos minutos antes das 15.00 horas deste xoves nun cadro eléctrico exterior do edificio que alberga a autoescola Peregrina, situado entre a porta de acceso e o balcón do primeiro piso. A causa do lume, os edificios lindantes quedaron sen subministración eléctrica e rexistráronse pequenas explosións.
Aos poucos minutos de iniciarse o lume chegaron á zona dous axentes da Policía Local de Pontevedra a bordo do multamóbil e, a continuación, unha ambulancia do 061 con dous técnicos. Os sanitarios utilizaron o extintor do vehículo para sufocar as chamas mentres un dos policías collía un cubo con auga que lle facilitou a empregada da panadaría situada no edificio contiguo.
Pouco despois foron alertados os Bombeiros de Pontevedra e en poucos minutos chegaron ao punto do incidente dous vehículos con seis traballadores do servizo, así como dous coches patrulla da Policía Local.
Segundo informaron os Bombeiros, axúdaronse dun extintor para acabar de controlar as chamas e a continuación se fixeron cargo da situación operarios de Gas Natural Fenosa para poder reestablecer a subministración eléctrica. O apagamento afectou a toda a zona comprendida entre a confluencia das rúas Benito Corbal e Daniel de la Sota e o entroncamento coas prazas de Ourense e A Peregrina e as chamas queimaron parte do cadro eléctrico.