Barros fai as maletas... por xubilación
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Abriu as súas portas en 1972 e dende entón converteuse na tenda de referencia para nutrir de bolsos, maletas, paraugas e todo tipo de complementos aos pontevedreses. Este 2014, nunha data aínda sen concretar, pecharaas sen intención de volver abrilas. ÿ Barros, a tenda de roupa situada no número 2 da rúa Peregrina dende hai 42 anos e que nos últimos días ten colas aínda maiores das habituais de clientes á busca dos grandes descontos que están a aplicar na liquidación por peche.
O seu propietario, o que a fundou e consolidou como epicentro dos complementos da cidade durante catro décadas, tomou a decisión de botar o peche porque "ya es hora de jubilarme". Prefire non facer valoracións sobre a súa decisión e resérvase calquera análise de como foron estes anos, nos que destaca que hai moitos máis comercios históricos na cidade, tales como a cercana Reloxaría Suárez. "Ya lo puede ver", indica mentres sinala á cantidade de clientes que inundan o establecemento dende que colgou o cartel de 'Liquidación por peche'.
"Ya tengo 94 años", asegura, e chegou o momento de decansar despois de toda unha vida traballando. Podía ter optado polo traspaso, pois o negocio funciona a pesar da crise económica, pero decantouse polo peche e por gozar dunha merecida xubilación.
De todos os xeitos, cando remate o stock e baixe a persiana de Barros, a saga comercial da súa familia non rematará, pois a súa filla é a propietaria doutra tenda de complementos que está a ter éxito na cidade, Ton Sac, na rúa Fray Juan de Navarrete. Cando se refire a ela faino con orgullo, pero non se detén a comentar moito máis. Dá por rematado o seu pequeno encontro con PontevedraViva. Ten que centrarse en axudar a todas as dependentas para atender aos clientes que non deixan de entrar na tenda e, no medio de tanto barullo, pechar todo o papelame do peche.