A avenida de Lugo estrea aspecto combinando unha circulación máis fluída con máis espazo peonil
Por Redacción
Beirarrúas máis amplas, maior rotación nos aparcamentos e dúas rotondas funcionais para axudar a unha circulación máis fluída. Son as liñas básicas do novo aspecto da avenida de Lugo que, desde hai varias semanas, está completamente renovada. Unha serie de traballos que permitiron remarcar o carácter residencial nunha das principais vías de entrada ao centro urbano da cidade de Pontevedra.
Trátase dunha das obras de reforma urbana con maior superficie tratada neste mandato, xa que abrangue 8.197 cadrados a consecuencia da importante anchura da vía, que ronda os 30 metros. Esta circunstancia permitiu un deseño con dobre carril de circulación en ambos os dous sentidos e tamén unha importante ampliación das beirarrúas para dar servizo ao tecido comercial e residencial.
Estas beirarrúas son asimétricas. No lado dereito (sentido de entrada á cidade) son máis amplas, once metros, e están pavimentadas con formigón negro pulido, creando un amplo espazo peonil. Ao lado esquerdo, teñen un ancho duns tres metros e pavimento de lastro cerámico. A rúa conta tamén con novo mobiliario urbano e dúas filas de cerdeiras de flor.
Grazas a estes traballos renováronse todos os servizos de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga e rede contra incendios. Dotouse á rúa ademais dun novo sistema de iluminación pública e modernizouse un dos tubos principais de subministro de auga ao centro urbano. As empresas subministradoras de electricidade e telefonía tamén aproveitaron a obra para soterrar os servizos que tiñan grampados a fachadas en todo este ámbito.
O espírito do proxecto pasou por embelecer unha entrada importante ao centro urbano e darlle potencia. Un dos obxectivos foi incrementar a rotación dos aparcamentos, ordenando senllos cordóns en liña para substituír o desorde anterior. A rúa quedou tamén dotada con zonas de carga e descarga, das que ata o de agora carecía, para abastecer ao comercio.
Axilizar a circulación rodada foi tamén unha das prioridades, pois ademais de manter o dobre carril mellorouse notablemente o deseño das dúas rotondas que marcan os extremos da actuación. Nos dous casos conseguiuse un trazado máis diáfano e uns resultados estéticos máis acaídos. A nova rotonda da serraría (no encontro coa rúa de Juan Carlos I) ten un diámetro exterior de 36 metros e a do cruzamento da avenida de San Amaro de 27,3 metros.
As obras, impulsadas pola concellaría de Urbanismo que dirixe o socialista Antón Louro, tiveron un orzamento 1.096.902,97 euros e estiveron a cargo de Eiriña Constructora.
O tenente de alcalde remarcou o gran resultado estético e práctico da transformación realizada, na que se utilizaron materiais de gran calidade, así como o estreito contacto cos veciños e comerciantes, atendendo puntualmente todas as súas peticións nos remates e acabados nos accesos a portais e garaxes.
Antón Louro destacou que os resultados desta obra demostran o acerto do proxecto de reforma integral do eixe Loureiro Crespo-Avenida de Lugo-barrio do Castañal, que precisa dun gran orzamento, pero que o Concello debe seguir executando por fases ata completar todo o seu percorrido.