Tensa asemblea para aprobar o preacordo que remata coa folga en Treves
Por Redacción
Os traballadores de Trèves mantiveron unha tensa asemblea para aprobar o preacordo que alcanzara este martes o comité de empresa coa dirección da entidade provedora de automóbiles e suspender a folga indefinida iniciada hai dúas semanas. Finalmente, despois de cinco horas de debate, unha ampla maioría respaldou o preacordo e a partir deste xoves 9 ás 6.00 horas retomarase a actividade na nave do Polígono do Campiño.
David Couñago, presidente do comité de empresa, indicaba que despois de vinte horas de reunión se chegara a ese preacordo que avaliaba positivamente despois dunha longa negociación que, segundo expuxo, se estendeu debido a que PSA-Citroën "estivo botando unha man a Trèves". As melloras salariais consideran subas do 15% para os empregados máis novos e o 8% para os máis veteranos da empresa, ademais reducen a xornada e amplíanse os descansos.
En canto ás vacacións, a partir de agora cada traballador poderá dispoñer de 21 días ininterrompidos no verán e os restantes tamén seguidos. En canto á carga de traballo, unha das principais reivindicacións do comité, a empresa comprométese a que todo o que consigan da factoría de Vigo será elaborado na nave do Campiño. Neste sentido, Couñago engadía que, durante tres anos, a empresa se compromete a que non haxa despedimentos, aínda que a dirección de Trèves entende que continúa rexistrándose un excedente de persoal polo que se asumirán ERES suspensivos.
As tensións na asemblea centráronse en relación á clasificación profesional e funcións, ademais de que algúns dos máis antigos reclamaban un maior incremento salarial. Couñago xustificou na frustración e rabia que sentían unha minoría de traballadores a oposición ao preacordo e o relacionaba coa extensión do conflito.
Couñago sinalou que PSA-Citroën mostrara tamén, durante os últimos días, o seu nerviosismo pola necesidade das pezas fabricadas no Campiño e mesmo a dirección da empresa automobilística enviou unha carta aos xestores de Trèves manifestando o seu malestar polo alongamento da negociación. A fábrica viguesa encontrábase á espera este mércores da data en que se ía iniciar a actividade en Trèves para decidir se realizaban unha parada o xoves 9 e o venres 10 ou continuaban a actividade en Vigo.
Relacionadas:
-
Acordo entre o persoal de Treves e a empresa para fixar o ERE de 2015
Por Redacción |
-
Os traballadores de Treves rexeitan as condicións do ERE proposto pola empresa para 2015
Por Redacción |
-
Acordo en Treves para finalizar a folga despois de negociar durante toda a noite
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os traballadores de Treves reclaman á Xunta que esixa á empresa máis carga de traballo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O persoal de Treves inicia unha folga indefinida o mércores 24 ante a falta de acordo salarial
Por Anxo Lourido |