O Valedor dá a razón ao PP na denuncia polas irregularidades no contrato de mantemento de xardíns
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Valedor do Pobo ven de dar a razón ao Partido Popular na denuncia que presentou sobre as irregularidades administrativas detectadas na prórroga dos contratos á empresa concesionaria do servizo de mantemento e conservación de xardíns e arbolado viario de Pontevedra, Elsamex.
Nunha resolución asinada o 29 de setembro, o Valedor da un prazo dun mes ao goberno local para remitirlles unha resposta ás súas resolucións. En concreto, recoméndalle que "coa maior dilixencia posible" debe tramitar e adxudicar un novo contrato de servizo para o mantemento e conservación de xardíns, , axustándoo ao marco da lexislación vixente en materia de contratación.
O Valedor lémbralle ao Concello que a Xunta de Goberno aprobou as dúas últimas prórrogas de continuidade do contrato para a prestación deste servizo en acordos de 30 de xaneiro de 2012 e 29 de febreiro de 2013 nos que non se tivo en conta o establecido en dous artigos da Lei de Contratos do sector público. O contrato inicial con Elsamex, asinado en 2006, era por catro anos prorrogables ata un máximo de seis. Polo tanto, recorda, venceu en 2012 e xa se renovou dúas veces máis.
O portavoz local do PP, Jacobo Moreira, presentou no mes de xuño ante o Valedor do Pobo un escrito, que foi admitido a trámite, co obxectivo de que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "dese dunha vez por todas explicacións minimamente lóxicas ante a prórroga contractual concedida de xeito irregular a esta empresa".
O Valedor recorda que entre as funcións dos concelleiros están a "transparencia, a información e a participación"
Segundo indicou a través dun comunicado, Moreira adoptou esta decisión ante a pasividade mostrada polo goberno local, despois de que se lle preguntase en varios plenos ao alcalde por este asunto e de que o propio Moreira lle remitira unha carta. En ningún dos casos Lores contestou e limitouse a dicir que "os xardíns estaban en bo estado".
O Valedor recorda que entre as funcións dos concelleiros están a "transparencia, a información e a participación, con unha finalidade xenérica, dereito a saber, dereito a controlar e dereito de ser actor e non espectador da vida administrativa local".
Dende o Partido Popular esperan que agora, con este escrito do Valedor do Pobo, o goberno local ofreza dunha vez por todas as explicacións que se lle reclaman e emende a situación, porque noutro caso "valoraremos a conveniencia de adoptar outras vías que nos poidan quedar para lograr que o alcalde explique e corrixa esta irregularidade", recorda Jacobo Moreira.
RESPOSTA DO GOBERNO MUNICIPAL
Desde o goberno municipal, Raimundo González recordou que o Concello de Pontevedra xa está a tramitar o prego de condicións do novo contrato. "Se vai a sacar un novo concurso", explicou aos xornalistas. Pero recoñeceu que os trámites os están a atrasar o máximo posible "porque é substancialmente máis caro un novo contrato que o actual", de aí que asegure que "por iso estivemos forzando esta situación".
En todo caso, o concelleiro de Facenda non quixo entrar a valorar o ditame do Valedor do Pobo, porque afirmou descoñecelo. "Non teño a carta e en todo caso se chegou se analizará e unha vez que se analice darase unha opinión sobre esto". Sinalou que todos requirimentos deste organismo son contestados polos técnicos municipais e este non será unha excepción. "Todo o que precise e o pida, se lle enviará", concluíu.
Relacionadas:
-
O PP esixe a suspensión do contrato de xardíns por inflar as zonas verdes da cidade
Por Natalia Puga |
-
Sae a concurso o novo contrato de mantemento de xardíns en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O PP leva a Fiscalía as presuntas irregularidades do contrato de xardíns en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Valedor do Pobo solicita documentación ao Concello de Pontevedra sobre as prórrogas a Elsamex
Por Redacción |
-
O PP acudirá ao Valedor do Pobo para que Lores explique as "prórrogas irregulares" a Elsamex
Por Oskar Viéitez |
-
O PP quere saber "que lei ampara" ao Concello para que a concesionaria de xardíns traballe sen contrato
Por Redacción |
-
O PP denuncia que a concesionaria do mantemento de xardíns leva unha semana traballando sen contrato
Por Natalia Puga |