Flashmob á hora de comer
Por Redacción
Pasaban poucos minutos das dúas e media da tarde cando as persoas presentes no comedor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que se atopaba practicamente cheo naquel intre, asistiron con estrañeza ao que semellaba unha ruidosa discusión entre un mozo e a súa ex-noiva.
Mais a verdadeira sorpresa chegou segundos despois, cando comezou a soar a música e foron entrando na sala preto de 40 estudantes dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, que desenvolveron unha serie de coreografías con motivo do flashmob que organizou, no marco da materia Linguaxe Corporal, a profesora Tamara Rial.
Nesta materia abórdanse diferentes cuestións relacionadas coa expresión e a linguaxe corporal, polo que a idea era que puidesen traballar neste campo a través dunha metodoloxía activa, que lles resultase atractiva, salienta Rial, que explica que con esta actuación pretendían buscar a sorpresa e representar o proxecto que desenvolveron de maneira pública, nun escenario novo e ante un público que non coñecen.